Evento: Produción e xestión de exposicións temporais
Produción e xestión de exposicións temporais
As exposicións temporais convertéronse nos últimos anos nunha das principais estratexias de programación dos espazos culturais para dinamizar a súa oferta e atraer a públicos diversos, renovando con cada proxecto a razón para que o visitante regrese.
A súa produción e xestión implican unha serie de procesos que se foron protocolizando de xeito paralelo á profesionalización do sector, xerando unha metodoloxía de traballo. A análise desta praxe é o obxecto das xornadas Produción e xestión de exposicións temporais.
Os asistentes coñecerán este campo a través da experiencia de directores de proxectos culturais e técnicos de exposicións, pero tamén dos propios artistas e coleccionistas, que transmitirán as súas necesidades, preocupacións e expectativas, imprescindibles para asegurar unha boa relación profesional cos autores.
Desde o reto de formular un discurso expositivo claro ata a produción museográfica da exposición, as xornadas abordarán aspectos como a negociación de préstamos de obra, a xestión dos transportes, o deseño e produción da montaxe ou a planificación dunha campaña de marketing e comunicación que lle dea notoriedade e permita situar á exposición na escena cultural, así como atraer ao público. A incorporación da tecnoloxía, as posibilidades que ofrecen as redes sociais ou o desenvolvemento de aplicacións móbiles completarán esta perspectiva global da produción de exposicións temporais.
+ info e programa completo: https://www.cidadedacultura.org/gl/evento/producion-e-xestion-de-exposic...