Evento: Mestre Mateo
Mestre Mateo
Os cinco ámbitos temáticos que compoñen a mostra permiten realizar un percorrido polo traballo do mestre na catedral, que se desenvolveu durante a maior parte do século XII e comezos do XIII, e están integrados por unha serie de pezas orixinais que ilustran a construción da catedral compostelá.
Os primeiros céntranse na aparición do mestre en 1168 para levar a cabo as obras, así como a construción da cripta, o Pórtico da Gloria e o coro pétreo, mentres os últimos abordan a influencia do Mestre Mateo na arte posterior.
A exposición Mestre Mateo estivo exposta previamente no Museo do Prado, o que supuxo que, por primeira vez, esta galería acollese un monográfico dun artista galego. Estaba previsto abrila ao público entre o 29 de novembro de 2016 e o 26 de marzo de 2017, pero o seu éxito permitiu que permanecese alí ata o 24 de abril. Neste período, foi visitada por máis de 1,1 millóns de persoas.