Evento: Edición especial de La Ventana de Galicia
Edición especial de La Ventana de Galicia
A Cadena SER celebra o Día das Escritoras o día 20 de outubro cunha edición especial de La Ventana de Galicia, entre as 19 e 20 horas, dende a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Un programa conducido por Lara Salgado, no que se abordará o presente e o futuro da literatura galega e o papel das mulleres nun ámbito no que non deixan de medrar.
Entre outras convidadas, estarán a escritora e xornalista María Nieto, Mon Vilar, da libraría Lila de Lilith e a responsanble da Editorial Creotz, Teresa Zataraín.
Tamén conversaremos co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, co que repasaremos os diferentes retos que ten a literatura en galego nun momento no que se acaba de aprobar a actualización do Plan de Normalización Lingüística, no Parlamento de Galicia.
Contaremos coa presencia da directora da Biblioteca Ánxel Casal, que falará de iniciativas que está a desenvolver, como un proxecto no que está implicada a recoñecida chef Lucía Freitas para recuperar receitas tradicionais das nosas nais.
Ademais, estará Melania Cruz, a actriz que lle poñerá voz a diferentes textos de autoras galegas.
Unha edición especial de La Ventana de Galicia aberta ao público con entrada libre ata completar a capacidade do salón de actos. Apertura de portas ás 18:30.



