Evento: RESPIRAR A ARTE. Sesións de ioga e arte no CGAC
RESPIRAR A ARTE. Sesións de ioga e arte no CGAC
O obxectivo deste programa é fomentar e facilitar o diálogo entre o público e a arte contemporánea co ioga como ferramenta para a mediación.
Ao longo do ano levaremos a cabo unha serie de sesións de ioga que terán como marco e como inspiración as exposicións de artistas como Carlos Pazos, Lluís Hortalà, Alexandra Ranner ou Jannis Kounellis.
Esta actividade, que conxuga a práctica do ioga e a experiencia da arte, explora os nexos entre aspectos como o simbolismo, a abstracción, a experimentación, a emoción ou a contemplación, que comparten ambas disciplinas.
Cada clase é creada ad hoc, de xeito que a temática das secuencias de ioga e as asanas (posturas corporais) están directamente relacionadas coas pezas de arte. Cada asana posúe unha forma xeométrica e arquitectónica exacta.
Paula Toimil realizará unha visita comentada ás mostras e nutrirase de conceptos, formas, cores, dimensións, materia ou luz para trasladar estes parámetros aos nosos corpos e convidar o público a vivir física, emocional e espiritualmente a arte.
Levaremos a atención cara a dentro a través da respiración e das posturas procurando un exercicio de escoita persoal que nos permita tanto aprender da arte como de nós.
SESIÓNS
XOVES 5 DE FEBREIRO
Prazo de inscrición: do 28 de xaneiro ao 3 de febreiro
MÉRCORES 25 DE MARZO
Prazo de inscrición: do 17 ao 23 de marzo
XOVES 18 DE XUÑO
Prazo de inscrición: do 9 ao 16 de xuño
MARTES 20 DE OUTUBRO
Prazo de inscrición: do 13 ao 16 de outubro
MÉRCORES 11 DE NOVEMBRO
Prazo de inscrición: do 3 ao 9 de novembro
PAULA TOIMIL (Lalín, Pontevedra, 1983) compaxina o seu traballo de educadora de museos co de profesora de ioga. Desde 2015 é membro do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Visitante da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no que desenvolveu proxectos didácticos para máis de vinte exposicións, así como para a arquitectura e os espazos verdes do Gaiás. É diplomada en Turismo pola UDC e mestra en Educación e Museos pola Universidade de Murcia. No eido do ioga, recibiu a súa formación en escolas abaladas por Yoga Alliance como Almazen de Yoga, Escuela Internacional de Yoga e AATM Yogashala en Rishikesh. Imparte esta disciplina en diferentes espazos de Santiago de Compostela e leva practicándoa máis dunha década.
PERSOAS DESTINATARIAS
A actividade está dirixida a persoas maiores de 13 anos iniciadas no ioga e interesadas no mundo da arte.
MATERIAL
As persoas que participen nesta actividade deberán traer a súa esteira, roupa cómoda e unha manta para a relaxación final.
PRAZAS
As prazas dispoñibles poderán variar en función das exposicións que se visiten.
INSCRICIÓN
Esta actividade é de balde. As persoas interesadas deberán enviar a cgac.educacion@xunta.gal unha mensaxe electrónica dentro do prazo indicado para cada sesión. Nela deberán incluír os seguintes datos: nome, apelidos, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.
Poderase inscribir un máximo de dúas persoas mediante cada solicitude (é preciso indicar todos os datos de cada participante).



