Evento: Celebración do Día Internacional dos Museos 2026

Celebración do Día Internacional dos Museos 2026
sábado, 16 maio, 2026 a luns, 18 maio, 2026
Museo das Peregrinacións e de Santiago,
Santiago de Compostela

Celebración do Día Internacional dos Museos 2026

Día Internacional dos Museos

O lema do ICOM para o día Internacional dos museos de 2026 é “Museos unindo un mundo dividido” Preténdese, con este lema, destacar o papel dos museos como pontes entre as divisións culturais, sociais e xeopolíticas que fomentan o diálogo, o entendemento, a inclusión e a paz dentro e entre as comunidades de todo o mundo. Como espazos públicos de confianza e lugares de aprendizaxe, os museos contribúen á coexistencia pacífica e ao respecto mutuo.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago programou unha fin de semana chea de actividades, todas de balde e sen inscrición previa:

Sábado 16 de maio

Obradoiro de torno de olería e barro

16:30h

Nesta actividade, a cargo de Antón Román, trátase de achegarse ao traballo con barro e cerámica, empregando un torno profesional e de realizar réplicas de barro de cerámica popular galega e de pezas relacionadas coa colección do Museo.  O obradoiro realizarase en aberto, nos soportais do Museo e sen necesidade de inscrición previa.

Sesión de música ao vivo “Músicas que unen”

18:00h

O lema “Museos unindo un mundo dividido” do DIMU serve de base para propoñer unha actividade na que a linguaxe universal da música sirva como nexo entre culturas. O músico Nicolás Otero, clarinetista da Banda Municipal de Santiago, interpretará temas de culturas diversas como expresión simbólica dese lema. Se a climatoloxía o permite, a interpretación farase dende o balcón cara a Praza das Praterías; de non permitilo, trasladarase aos soportais ou ao interior do Museo.

Domingo 17 de maio

Espectáculo musical “A Ramona pequena vai á lúa”

12:00h

Neste concerto Pakolas (Paco Cedeira) coa súa voz, a guitarra e toda a súa forza interpretativa, guiará con humor unha divertida viaxe polo seu universo musical no que fomenta a participación e interacción de nenas e nenos. Esta actividade realizarase no auditorio do Museo, con entrada libre ata completar aforo

Luns 18 de maio

Conferencia “Carboeiro: historia, espolio e recuperación patrimonial”

19:00h

No 2023, o historiador Francisco Prado Vilar sacou á luz unha serie de documentos probatorios da extracción ilegal duns relevos da igrexa do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, e que nese momento formaban parte da colección do Museo Marés, no concello de Barcelona. A partir de isto, iniciáronse xestións para a súa recuperación e exhibición no Museo das Peregrinacións. Francisco Prado Vilar falará deste proceso e doutros temas afíns.

Máis eventos de tipo Outras actividades

Bases XVII_ATLANTE
XVII Premio Atlante de Gravado
14 de setembro a 31 de maio
Colección Visitable Fundación Museo de Artes
Palestina
22 de marzo a 31 de decembro
Biblioteca Pública de Ourense
Real Filharmonía de Galicia. Temporada 2025-26
18 de setembro a 4 de xuño
Avenida do Burgo das Nacións
Club de lectura infantil (3º a 6º de primaria)
7 de novembro a 22 de maio
Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola