Evento: XIX Festival internacional de música Pórtico do Paraíso
XIX Festival internacional de música Pórtico do Paraíso
CUARTETO SEIKILOS
O Cuarteto Seikilos formouse en 2011 no seo da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE). Está integrado por Iván Görnemann e Pablo Quintanilla (violíns), Adrián Vázquez (viola) e Lorenzo Meseguer (violoncello). Os catro músicos coincidiron no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, e posteriormente completaron formación en prestixiosas institucións europeas como a Musikhochschule de Düsseldorf, a Universität Mozarteum de Salzburgo, a Hochschule de Leipzig e a Escuela Superior de Música Reina Sofía.
O grupo retomou a actividade en 2018 cunha clara vocación de explorar un repertorio amplo e centrando parte da actividade na recuperación musical do repertorio do século XX en España. O nome, Seikilos, fai referencia ao soado epigrama musical grego considerado a peza musical completa máis antiga coñecida, símbolo do interese pola permanencia da arte a través do tempo.
Os integrantes do Cuarteto Seikilos recibiron formación de recoñecidos conxuntos como o Cuarteto Hagen, o Cuarteto Bennewitz, o Cuarteto Quiroga e o Cuarteto Diotima e pertenceron ao Instituto Internacional de Música de Cámara da Escuela Reina Sofía, baixo a tutela de Günter Pichler. En 2021 foron galardoados co premio Grupo Emergente da Asociación Española de Festivales de Música Clásica (FestClásica), e en 2024 obtiveron a bolsa Leonardo da Fundación BBVA polo seu labor na recuperación do patrimonio musical español.
Entre os proxectos máis destacados figura o disco monográfico sobre o compositor Conrado del Campo, coa gravación do cuarteto nº10 e o Scherzo para a discográfica da Fundación Juan March (2025), recibido con gran entusiasmo pola crítica especializada. Tamén, e como resultado do traballo para a bolsa Leonardo, a publicación do dobre CD Los cuartetos del conservatorio, baixo a discográfica Eudora Records (2026). Manteñen, así mesmo, unha grande actividade nos principais festivais e ciclos de concertos do país.
Máis eventos de tipo Festival
