Evento: Romaría das Flores
Romaría das Flores
Trátase dunha xornada de músicas diversas, actividades para todos os públicos e oferta gastronómica variada no marco das Festas da Ascensión 2025.
A Romaría das Flores será o escenario no que se presenten en concerto Tona. Esta nova banda fai ‘música da ribeira’, sons populares que se reinventan nunha formación de acordeón, trikititxa, batería, baixo e a voz inconfundible de Miguel Cernadas (Terbutalina) que actuarán no Parque de Belvís nas primeiras horas xusto despoisdoutro dos grupos que veñen de renovar o panorama musical galego, Ulex. Os composteláns presentan primeiro disco, ‘Lonxe de ti’. Rock atolondrado - como din eles - con aires cumbieiros e letras que poden ser a banda sonora da mocidade galega. A tarde traerá dúas propostas que revisan as súas tradicións con novas sonoridades. Por unha banda chegan dende Cádiz a Compostela Yeli, Yeli: o proxecto do cantaor Álvaro Romero mestura a electrónica con batería en directo, a tradición do flamenco co kuduro.
Pola outra, unha das bandas referentes da nova potente e rica escena actual en Galicia, De Ninghures, traerán ao parque de Belvís a frescura da súa ‘Feira’, novo disco e espectáculo que están a presentar esta primavera. Xa á tardiña o power pop das francesas Alvilda sorprenderá coa mestura de melodías luminosas, guitarras punk e un particular toque yeyé. Porannos a bailar xusto antes de que o cuarteto italiano The Peawess peche os concertos da Romaría das Flores co seu garaxe rock e os seus vinte anos de traxectoria que os converten nunha das bandas de referencia do seu estilo na escena europea. A festa rematará cando erga a agulla do último vinilo do día a picadiscos Wanda Buluba.
Ao par dos concertos o Parque de Belvís contará tamén durante a xornada cun espazo de lecer para crianzas dinamizado por Xogos Miudiño e cun concerto despois do xantar de Uxía Lambona e a Banda Molona. A ‘Romaría das Flores’ está organizada polo Concello de Santiago, a través das concellarías de Festas e de Xuventude, coa produción de Tremendo Audiovisual, co patrocinio principal de Deleite e co apoio de Estrella Galicia, Bodegas Lodeiros e Paco & Lola.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

