Evento: Toponimízate 2024

Toponimízate 2024
venres, 8 novembro, 2024 - 20:00
Centro Social,
Boiro

Toponimízate 2024

Acción para difundir o valor da nosa riqueza toponímica

Nova edición do programa de promoción da lingua galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. A acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados ambos os dous desde a Xunta de Galicia, e coordinarase desde a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes. Constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso. En 2024, na que xa é a súa sétima edición, Toponimízate chegará a 12 concellos, co obxectivo principal de difundir o valor da nosa riqueza toponímica e involucrar moitos colaboradores e colaboradoras neste gran proxecto colectivo de salvagarda dos nosos nomes de lugar a través da plataforma Galicia Nomeada.

Obxectivos

Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:

  • Achegarlle á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos históricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que aos veciños e veciñas lles gustará coñecer. Fornecer os técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.
  • Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua en que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.
  • Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer a singularidades de cada concello.
  • Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.
Outras datas

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

CURSO "OS TEMAS DA ARTE"
8 de outubro a 17 de decembro
Museo de Belas Artes
MESA REDONDA: REENCADRAMENTOS DE XÉNERO
8 de outubro
Filmoteca de Galicia
MESA REDONDA: O RETO DA CRÍTICA
9 de outubro
Filmoteca de Galicia