Evento: Doazóns 2015-2023

Doazóns 2015-2023
xoves, 30 maio, 2024 a domingo, 15 setembro, 2024
Museo de Belas Artes,
A Coruña

Doazóns 2015-2023

Mostra das doazóns recibidas neste periodo no Museo que da a coñecer a xenerosidade dos particulares que incrementaron a colección de xeito totalmente desinteresado

O Museo de Belas Artes da Coruña da a coñecer, nesta mostra, as importantes doazóns de iniciativa particular que tiveron lugar nos últimos 8 anos e trata de resaltar a xenerosidade dos 16 doantes que aportan á colección do Museo un total de 100 obras de artistas galegos do século XX (ademais de dúas obras do século XVII), entre pinturas, debuxos, gravados, escultura e artes decorativas.

Cabe destacar dentro do conxunto, a doazón realizada por dona Elvira Álvarez cun total de 70 pezas, a maior aportación á colección nos últimos anos. Tamén destaca a doazón do pintor Roberto González Fernández cunha serie de 6 lenzos da súa autoría.

Coincide ademais coa pequena exposición inaugurada o pasado 2 de maio sobre a doazón Tomás Barros, e que á coincidencia espacial únese a temática, evidenciando a sensibilidade e o compromiso social de propietarios que, nun xesto de xenerosidade e altruísmo non só impulsan as coleccións do Museo de Belas Artes da Coruña senón tamén permiten o enriquecemento do Patrimonio Artístico de Galicia.

 

Contido da exposición

A exposición organízase por orde cronolóxica das doazóns recibidas desde o ano 2015 ata o 2023. Cada doante está representado xunto coas obras que conformaron a súa doazón, agrupándose estas por autores cando é o caso.

Publicarase un catálogo co título Doazóns. 2015-2023. Tamén se pode obter máis información sobre os doadores e os artistas, nesta ligazón do Museo.

Máis eventos de tipo Exposición

Homenaxe a Gustav Henningsen
20 de decembro a 29 de decembro
San Domingos de Bonaval s/n
O acibeche no mundo antigo. Unha aproximación dende o Castro de Viladonga.
9 de febreiro a 31 de decembro
Museo do Castro de Viladonga