Evento: Visitas escolares "Picasso branco no recordo azul"
Visitas escolares "Picasso branco no recordo azul"
11.04.2023-23.06.2023
Tipo: visitas
Organiza: Museo de Belas Artes da Coruña
Monitor: Departamento de Educación
Público: Escolar
Prazas: 25
A exposición Picasso branco no recordo azul. A Coruña 2023 será unha oportunidade única para que o público se achegue á obra de Pablo Picasso. O período que pasou na cidade herculina, entre 1891 e 1895, foi crucial na súa formación como artista, e tamén na súa traxectoria vital, como paso da nenez á adolescencia. Esta mostra analiza como a etapa coruñesa foi transcendente no seu futuro e como foi esencial nos temas e iconografías de etapas posteriores.
OBXECTIVOS
- Presentar ao público a etapa coruñesa do pintor, un dos artistas máis importantes da historia da arte, e subliñar a importancia que tivo na súa traxectoria artística a súa etapa de formación na Coruña.
- Coñecer as distintas etapas da produción de Pablo Picasso: Época azul, Época rosa, cubismo, neoclasicismo, surrealismo, expresionismo e Período Vallauris.
- Coñecer as distintas iconografía e temáticas na súa obra centrándose nos capítulos propostos polos comisarios: Academia e clasicismo, realismo, a paisaxe, as caricaturas, o retrato, o cubismo, os grandes mestres, os mosqueteiros e o pintor e o seu modelo.
- Destacar a labor educativa do museo como centro cultural que dá a coñecer e pon en valor a traxectoria e a obra dos artistas.
Programa de visitas para público escolar
ESO e Bacharelato: Os pasos coruñeses de Pablo no camiño a Picasso.
Dirixido a ESO e Bacharelato.
No desenvolvemento deste percorrido queremos poñer en valor os anos coruñeses de Picasso mostrando a gran importancia que tiveron para el tanto persoal como artisticamente, para concluír mostrando as ligazóns entre Picasso e a arte galega da primeira metade do século XX.
Partindo da súa ríxida e extraordinaria formación académica, veremos como Pablo, pouco a pouco, vai experimentar novos xeitos de pintar que o levarán a constituírse como unha das figuras fundamentais da arte do século XX: Picasso. Deste xeito, achegarémonos a algúns dos temas presentes ao longo da súa carreira. Temas que, aínda que foron abordados dende estilos moi diferentes, teñen o mesmo lugar de orixe: A Coruña.
Educación Primaria: Na maleta de Pablo: Unha viaxe á infancia coruñesa de Picasso.
Dirixido a 3º-6º de Educación Primaria
Maleta en man dispoñémonos a realizar unha viaxe a través da infancia de Pablo Picasso. Neste percorrido iremos sacando diferentes obxectos que nos permitan abordar os aspectos máis destacables da súa vida e da súa obra en Coruña: materiais escolares, cadernos de debuxo, pinceis, xornais… unha serie de elementos que nos trasladan ás obras que conforman a exposición para abordalas dun xeito interactivo, deténdonos nos soportes, técnicas, estilos, temáticas e percatándonos da súa pervivencia no Picasso do futuro.
Educación infantil: Xogando coa boneca de Maya. As lembranzas de Picasso na Coruña.
Dirixido a 5º e 6º de Educación Infantil - 1º e 2º de Educación Primaria
Tendo presente a curta idade do público, artellaremos unha visita a través dunha selección de pezas que nos acheguen aos aspectos fundamentais da etapa coruñesa de Picasso. Centraremos o noso discurso na infancia do artista, nos personaxes que habitaron o seu imaxinario e nas temáticas das súas primeiras obras. Como chegou á Coruña? Pablo ía a escola? Que pintaba nos seus cadros? Quen son as persoas que aparecen retratadas? Respostaremos estas e outras cuestións dun xeito interactivo, axudándonos de materiais que nos permitan xogar coas interpretacións das súas pezas, deténdonos na importancia da creatividade e a imaxinación infantil e a repercusión desta na vida adulta.
Datas: do 11 de abril ao 23 de xuño de 2023.
Horario:
- De martes a venres
- Mañás: 10:30 horas, 11:00 horas, 12:00 horas e 12:30 horas,
- Tardes: 15:30 horas e 16:30 horas
Información xeral:
Dirixidas prioritariamente a grupos de 5º e 6º de Primaria, ESO e Bacharelato.
A visita ten unha duración aproximada de 1 hora, en cada horario só poderá entrar un aula de en torno a 25 alumnos.
Todas as visitas son gratuítas previa inscrición no correo electrónico mu.belas.artes.difusion@xunta.gal
Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro