Patrimonio: O NACEMENTO DO VERANEO

O NACEMENTO DO VERANEO

Descubrindo a súa historia en Galiciana

O comezo do verán está asociado co comezo das vacacións. Mesmo se se prefire viaxar ou descansar ‘fóra de tempada’, o verán seguirá estando vinculado a esa idea. 

Ler máis

 

A idea de asociar o verán ao descanso e ao turismo non é exactamente nova e é algo que se foi asentando nos últimos dous séculos.

Primeiro, o verán e o veraneo eran un luxo e unha experiencia exclusiva para as capas máis altas da sociedade. A mellora dos medios de transporte, os cambios sociais ou as melloras económicas fixeron que o veraneo se democratizara.

A historia do veraneo pódese seguir nos arquivos, nas hemerotecas ou nas coleccións de postais, cartas e outros documentos. Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia, permite acceder a moitos destes contidos.  Nela é posible acceder a coleccións de postais (o recordo que tradicionalmente se mandaba desde as viaxes) ou a guías de viaxe para visitantes da Galicia do XIX. Pero son os seus fondos de xornais e revistas os que fan máis doado comprender e descubrir como era a experiencia do veraneo no pasado, cos seus anuncios de cuartos, restaurantes ou hoteis; de automóbiles, para viaxar máis rápido; ou de cámaras Kodak, para “prolongar o verán”. As propias novas dos xornais tamén recollen quen van e quen veñen das súas vacacións.

Unha busca rápida na hemeroteca permite tamén atopar toda clase de información e de contidos que axudan a comprender como se foi enfocando o verán ao longo dos últimos séculos e como foi nacendo a idea do veraneo e o potencial de Galicia como destino para esas datas. Nunha revista de 1933 recomendan A Coruña como "cidade ideal de verán", grazas á súa "amálgama" de "etiqueta e comodidade" e á súa mestura de diversión e tranquilidade. Nun xornal de xuño de 1901 dan conta de como Pontevedra comeza a encherse de visitantes pola "entrada da temporada do verán".

E así, lendo e descubrindo entre os fondos de Galiciana os ecos dos veráns pasados, é posible establecer paralelismos entre as vacacións de hoxe en día e as de entón e comprender como naceu e como creceu o veraneo. 

Ligazóns

Comparte