Dinamización: Un outono de teatro

Un outono de teatro

Citas ineludibles para os amantes das artes escénicas

Co outono o teatro volve brillar en todo o seu esplendor, porque... que mellor xeito de combater a melancolía dos días máis curtos e as longas tardes de choiva que con espectáculos que nos levan a novos mundos e enchen as horas de maxia? Busques espectáculos grandes ou pequenos, cómicos ou dramáticos, clásicos ou experimentais, infantís ou para adultos, a actividade escénica galega nunca defrauda.

Ler máis

Así, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá 220 funcións entre agosto e decembro, das que poderemos gozar en 34 concellos diferentes. Nelas, darase especial pulo ás montaxes de teatro galego e en galego, con máis de 20 compañías e obras tan interesantes coma Voaxa e Carmín, sobre As Marías de Compostela; Helena, xuízo a unha lurpia, unha revisión contemporánea do mito de Helena de Troia; ou Ensaio sobre a cegueira, adaptación da célebre novela de Saramago. Ademais, hai que destacar a actividade do Centro Dramático Galego, que no seu novo programa de residencias impulsou a montaxe de cinco espectáculos de catro compañías galegas: Elisa e Marcela, a cargo de A Panadaría en coprodución co CDG, O exilio das moscas e Tras Tannhäuser de Feira do leste, O estado cru de Javier Martín e Chuvia de Anómico  Teatro.

A todo iso hai que sumar a actividade da Rede Galega de Salas, que programa neste período 60 funcións nun circuíto de distribución de espectáculos en pequenos escenarios de titularidade privada como a Sala Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago ou o Teatro Ensalle de Vigo. 

Atopa todas as citas ineludibles deste outono na nosa axenda. E que se levante o pano!

  • Voaxa e Carmín Voaxa e Carmín
  • Helena, xuízo a unha lurpia Helena, xuízo a unha lurpia
  • Ensaio sobre a cegueira Ensaio sobre a cegueira
  • Elisa e Marcela Elisa e Marcela