Programa Letras Galegas 2017

A Real Academia Galega acordou que a celebración de 2017 estea dedicada a Carlos Casares. Membro numerario desta institución ata o seu pasamento en 2002, Casares foi un dos autores de referencia da narrativa galega do século XX, cun compromiso con gran público lector, tanto a través das súas obras como das súas colaboracións na prensa. Esta faceta de escritor compaxinouna primeiro co seu labor como ensinante e despois cunha dimensión pública como xestor e dinamizador de proxectos de gran relevancia para a cultura galega, como a editorial Galaxia, da que foi director, o Consello da Cultura Galega, que presidiu entre os anos 1996 e 2002, ou o Centro PEN Galicia, ademais da propia Real Academia Galega. Casares tamén xogou un papel importante na difusión exterior da nosa literatura, grazas á súa participación permanente en espazos de encontro internacional de escritores.

Para difundir e poñer en valor o seu legado, e co fin de reforzar o valor social do noso idioma nos diferentes ámbitos, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Real Academia Galega, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura Galega, o Centro PEN Galicia, a Editorial Galaxia, a Televisión de Galicia, a Deputación de Ourense, e os concellos de Ourense e de Xinzo de Limia, suman os seus esforzos nunha programación conxunta de iniciativas diversas en todo o territorio, coas que se abordarán as diferentes facetas de Carlos Casares. Para facer, un ano máis, das Letras Galegas unha celebración de todos.

 

Documentos relacionados