Premios para promover a escrita literaria e a difusión cultural

  • Premio Poesía Novacaixagalicia
  • Premio Diario Cultural

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a convocatoria de diversos premios para incentivar a creación literaria e a difusión da obra de novos creadores.

Ademais dos premios literarios no ámbito escolar, tamén se convocan anualmente recoñecementos ao traballo investigador no ámbito cultural, sendo un dos máis destacados o Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, promovido, con periodicidade anual, pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Editorial Galaxia e Gas Natural Fenosa.

 

No ámbito da escrita teatral, o Centro Dramático Galego convoca cada ano os premios de creación de textos dramáticos: Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, o Premio Manuel María de literatura dramática infantil e o Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques. Por outra parte, a Radio Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, organiza anualmente o Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural, destinado a fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio.

 

Novelas e relatos curtos

No ámbito da narrativa, o premio de aparición máis recente é o Certame de Relato Breve Nélida Piñón, creado en 2014. O galardón, organizado de forma conxunta pola Xunta de Galicia, o Concello de Cotobade e a Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo promover a actividade literaria na nosa lingua propia, particularmente no ámbito da narrativa breve, homenaxeando ao tempo a autora brasileira de raíces galegas, que ingresou recentemente como membro de honra na Real Academia Galega.

Para incentivar a creación de novelas, a Consellería de Cultura e Educación colabora cada ano co Premio de Novela Manuel García Barros, e tamén co Premio de Narrativa Breve Repsol da Fundación Repsol, co apoio da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega. As bibliotecas nodais tamén promoven convocatorias para animar os seus usuarios á escrita de textos, como o Concurso de Relato Breve de Terror en Galego da biblioteca nodal de Santiago Ánxel Casal. E destinados aos máis novos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística promove diversos certames de creación, como o Concurso Novos Talentos de Relato Curto, en colaboración con Coca-cola, destinado á poboación escolar. A Fundación Pública Galega Camilo José Cela convoca o Concurso de microrrelatos, coa colaboración de El Corte Inglés.

 

Premios á creación poética

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria alenta tamén a creación poética a través do seu apoio ao Premio de Poesía AFundación, convocado polo Centro PEN de Galicia coa colaboración de AFundación; o certame Eusebio Lorenzo Baleirón, do Concello de Dodro; ao Premio Arume de Poesía que convoca, con periodicidade bianual desde 2001, a Fundación Xosé Neira Vilas; ao Premio Xosé M. López Ardeiro, promovido polo Concello de Negreira; e ao premio de poesía Gonzalo López Abente, coa Fundación Gonzalo López Abente. Tamén o Concello de Carral, coa colaboración das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, convoca o xa veterano Certame de Poesía Concello de Carral