Premio: Premios da Cultura Galega 2020

Premios da Cultura Galega 2020

As institucións e entidades culturais ou profesionais poden presentar as candidaturas durante os dous vindeiros meses

A Xunta convoca unha nova edición dos Premios da Cultura Galega, uns galardóns que teñen por obxecto apoiar o labor creativo en Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos.

As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior e as institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas poden presentar as candidaturas durante os dous vindeiros meses contados desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e á mesma engadiráselle os méritos das candidaturas cunha xustificación descritiva.

O xurado que vai valorar as propostas estará presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo e contará con representación do Consello da Cultura Galega, das universidades do Sistema Universitario de Galicia, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Secretaría Xeral da Igualdade, da Dirección Xeral de Políticas Culturais e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas pola Consellería.

En cada unha das modalidades, os Premios da Cultura Galega concederán un único galardón e non poderá recaer máis dun recoñecemento na mesma persoa. O premio consiste nunha escultura ou peza conmemorativa realizada por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

Estado do trámite: En trámite

Comparte