Premio: XIV Premio de Narrativa Breve Repsol

XIV Premio de Narrativa Breve Repsol

Ademais do galardón económico de 12.000€, a Editorial Galaxia publicará a novela gañadora

O Premio Narrativa Breve Repsol é un certame xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas. Nesta nova edición o prazo de presentación de traballos na Fundación Repsol está aberto ata o 31 de xullo e os textos deben ser orixinais e escritos conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. Todas as obras presentadas deben ser inéditas, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.

A dotación económica é de 12.000 euros e inclúe a publicación da novela gañadora pola Editorial Galaxia. O xurado estará conformado por unha persoa representante da Consellería de Cultura e Turismo, outra da Fundación Repsol, da Real Academia Galega, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e outra da Editorial Galaxia.

O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no ano 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e pola Fundación Repsol desde 2010, e convocado en colaboración coa Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Conta, desde o inicio, co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, encargada de editar as obras gañadoras.

O obxectivo desta iniciativa cultural da Fundación Repsol e a Xunta de Galicia é impulsar e reforzar a creación de literatura en lingua galega, ademais de ser unha vía de promoción para as escritoras e escritores noveis. O galardón, xa consolidado, favorece desde a súa creación a dinamización da literatura escrita en galego. Proba diso son as preto de 400 obras presentadas desde entón e as 13 gañadoras publicadas pola Editorial Galaxia.

Estado do trámite: En prazo en prazo
Prazo de presentación:
30 xuño, 2020 a 31 xullo, 2020

Comparte