O PATRIMONIO EN TRES DIMENSIÓNS

Santo Estevo de Ribas de Sil
Santa María de Meira
Convento de As Capuchinas
Santa María de Oia
Visitas virtuais para descubrir as xoias artísticas que gardan mosteiros e conventos

Galicia é coñecida pola súa riqueza paisaxística, gastronómica e, como non, patrimonial e artística. Como a que custodian os centos de mosteiros e conventos partillados ao longo de todo o territorio galego e que, agora, están máis preto que nunca, sen necesidade de saír da casa, na rede e en tres dimensións.

Cun só clic, a través da aplicación web de Turgalicia ‘A maxia dos mosteiros’, pódense descubrir dun xeito case que tanxible pezas, figuras, fachadas, coleccións, cadros, retablos e multitude de detalles de 88 mosteiros e conventos de toda Galicia. Unha visita virtual que lle ofrece ao usuario perspectivas únicas, acompañadas por música e son de ambiente do recinto.

A golpe de clic, o mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil recibe o visitante con cánticos propios de monxes beneditinos que o transportan ata altura das catro naves da igrexa románica e progótica, nunha perspectiva única.

As campás do convento barroco das Capuchinas convidan a entrar pola fachada de portada única. No interior, agarda un cadro de San Francisco atribuído por algúns a Zurbarán.

Pouco máis dun segundo lle supón ao visitante percorrer os centos de quilómetros de distancia coa provincia de Lugo e descubrir o mosteiro de Santa María de Meira. Os sons solemnes do órgano que o acompañan merguñan o visitante na impecable sobriedade que transmite a súa arquitectura.

Ao sur, as viaxes tridimensionais ofrecen percorridos por patrimonios de grande interese como os que garda no seu interior o mosteiro de Santa María de Oia, que permite gozar nun mesmo espazo de arte románica, gótica e barroca.

Aos usuarios e usuarias que naveguen pola aplicación agárdanlles outras 84 viaxes máis, aínda que o máis seguro é que a beleza deste patrimonio anime a máis de un a erguerse da cadeira e a achegarse ao mesmo lugar para descubrilo.

Coleccións virtuais de museos
Coa mesma intencionalidade, museos como o das Peregrinacións e de Santiago, o Arqueolóxico Provincial de Ourense, o de Belas Artes, o Etnolóxico de Ribadavia, o Massó e o do Castro de Viladonga tamén abren as súas portas virtuais para acceder, dun xeito case que palpable, ás súas coleccións.

O 'touriño de bronce', procedente das escavacións realizadas na Colexiata de Iria Flavia, é tan só un petisco sensorial de todo o que lles está a agardar aos visitantes con esta aplicación no novo web dos museos de Galicia.