Nova: Encontro en Santiago dos finalistas aos Premios Mestre Mateo 2015
25/03/2015
Encontro en Santiago dos finalistas aos Premios Mestre Mateo 2015
A décimo terceira edición dos galardóns será na Coruña o vindeiro 11 de abril
Hai distincións para 25 categorías nestes premios que procuran recoñecer e estimular o labor da profesión audiovisual de Galicia
Santiago, 25 de marzo de 2015.- Os finalistas ás 25 categorías dos XIII Premios Mestres Mateos foron presentados en Santiago de Compostela. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Academia Galega do Audiovisual (AGA) para o desenvolvemento destes galardóns, través dos que se busca recoñecer e estimular o labor levado a cabo pola profesión audiovisual en Galicia.
Mantense así un ano máis o apoio económico á organización deste evento, materializado a través dun convenio asinado entre ambas entidades. No texto deste acordo considérase que toda a traxectoria destes galardóns contribúe a fomentar a calidade dun sector estratéxico e en auxe en Galicia, así como ao recoñecemento a todos os axentes implicados que traballan nos distintos formatos e xéneros audiovisuais, referentes tanto dentro como fóra da Comunidade galega.
Tamén se valora a capacidade da AGA para establecer proxectos de colaboración con outras entidades homólogas do Estado e as proxeccións que se ofrecen para que o público poida visionar as obras premiadas durante todo o ano.
Como referendo aos XIII Premios Mestre Mateo, o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiu hoxe ao acto de presentación de finalistas que tivo lugar en Santiago de Compostela, onde amosou o seu apoio aos candidatos ás 26 categorías individuais e colectivas convocadas, ás que optan actores, guionistas, presentadores, técnicos, deseñadores, directores ou produtores, entre outros colectivos profesionais.
Á presente edición dos Mestre Mateo concorreron un total de 111 obras audiovisuais estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do pasado 2014. O nome dos gañadores desta edición darase a coñecer no transcurso da gala que se celebrará no Palexco da Coruña o vindeiro 11 de abril.