Nova: Román Rodríguez anima á mocidade a participar nas bolsas Fulbright para completar estudos artísticos

22/12/2022

Román Rodríguez anima á mocidade a participar nas bolsas Fulbright para completar estudos artísticos

Salienta o programa con Fulbright como ”un dos máis recoñecidos e celebrados de todo o planeta”, no que participaron figuras relevantes da nosa cultura

Galicia é pioneira entre as comunidades autónomas no establecemento desta iniciativa de colaboración na que inviste 140.000€

O prazo de presentación de solicitude está aberto ata o 12 de xaneiro de 2023

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o director executivo de Fulbright España, Alberto López, participaron esta tarde na xornada de presentación das bolsas Galicia-Fulbright para estudos artísticos. Unha liña de axudas na que Galicia é pioneira e que a Xunta convoca anualmente en colaboración coa Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América (Comisión Fulbright).

 

O titular do departamento educativo do Goberno galego animou á mocidade a participar neste programa, que ten como obxectivo que cinco mozos que teñan conexión con Galicia por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional poidan completar a súa formación nos Estados Unidos. Neste sentido, recordou que aínda está aberto o prazo para que os interesados presenten a súa solicitude para participar nesta experiencia, “unha oportunidade para ampliar a súa cualificación e para avanzar na súa especialización”.

 

Román Rodríguez destacou as bolsas Fulbright como “un dos máis recoñecidos e celebrados programas de mobilidade educativa de todo o planeta”, e lembrou que nos últimos 30 anos participaron nesta experiencia relevantes profesionais galegos que supoñen un exemplo de excelencia académica, creativa e profesional como o artista Francisco Leiro, o pintor Din Matamoro ou a dramaturga Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego entre os anos 2016 e 2019. No acto de hoxe participaron antigos bolseiros para explicar a súa experiencia.

 

Estas bolsas redundan tanto na mellora da calidade do traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional. Os interesados en participar neste programa de mobilidade poderán solicitalo ata o 12 de xaneiro de 2023 no web da Comisión. A duración da bolsa é de entre 6 e 12 meses continuados, que se desfrutarán entre agosto de 2023 e decembro de 2024.

 

A Xunta de Galicia achega 140.000 euros, o que supón case o 75% do total. Estas cantidades están destinadas a gastos de viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión. Pola súa banda, a Comisión Fulbright colabora con 50.010 euros para os gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros. Así mesmo, é Fulbright a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros. Deste xeito, faise cargo da xestión de visados, de ofrecer sesións de orientación en España e unha rede de apoio nos Estados Unidos.

 

Comparte