Nova: A Xunta remodela a sala dos gravados de Goya no Museo de Belas Artes

14/12/2022

A Xunta remodela a sala dos gravados de Goya no Museo de Belas Artes

O coruñés é un dos poucos centros que conta nos seus fondos cunha colección íntegra de gravados do pintor, con 233 estampas

O novo espazo permite ao visitante ter unha mellor e maior información sobre as pezas expostas e o seu autor
 

Edítase por primeira vez unha guía para dar a coñecer ao público os fondos e as coleccións deste centro museístico
 

A Coruña, 14 de decembro de 2022 O Museo de Belas Artes da Coruña remodela a sala que acolle os gravados de Francisco de Goya tras a actuación realizada pola Xunta de Galicia nestas instalacións. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe este novo espazo no centro coruñés, “un dos poucos museos que conta nos seus fondos cunha colección integra de gravados realizados polo pintor español”, destacou.

O representante da Xunta de Galicia explicou que a remodelación responde á necesidade de actualizar as condicións museográficas da sala. “Para iso construíuse novo mobiliario e a readaptáronse as antigas vitrinas, introducindo materiais neutros de calidade coa finalidade de acadar unha mellor conservación e a correcta iluminación dos gravados”, indicou.

 

O director xeral salientou, ademais, o traballo realizado polo Museo de Belas Artes para acompañar esta nova sala “cunha supervisada catalogación, que proporciona unha mellor divulgación e comprensión desta importante produción artística e permite ao visitante ter unha mellor e maior información sobre Goya e os seus gravados”. Neste sentido, quixo amosar o agradecemento e recoñecemento “ao Museo, baixo a dirección de Ángeles Penas e ao seu equipo de traballo, polo seu compromiso e implicación neste rigoroso labor “.

 

A colección de Goya do Museo de Belas componse de 233 estampas que o artista realiza combinando distintas técnicas de gravado (augaforte, augatinta, augada…) e que se agrupan en diferentes series: Copias de Velázquez, Caprichos, Desastres da Guerra, Tauromaquia e Disparates, nun proceso produtivo que abrangue desde 1778 ata 1820. Desde a inauguración da nova sede do Museo de Belas Artes da Coruña, no ano 1995, a sala dedicada aos gravados de Goya permanecía intacta.

 

Nova guía

Anxo M. Lorenzo explicou tamén que o Museo de Belas Artes vén de editar a primeira guía –en galego, castelán e inglés– do centro, que responde á necesidade de dar a coñecer ao público os seus fondos e coleccións.

 

A guía foi dirixida pola dirección e desenvolvida polo equipo técnico do Museo. Recolle e pon en valor un gran número de pezas, documentadas e explicadas, que fan da mesma unha ferramenta fundamental para comprender non só o significado de cada unha delas, senón tamén a súa historia.

 

A través dunha selección de 280 pezas da colección permanente, o documento mostra un percorrido desde o século XVI ata o século XX, no ámbito artístico español e europeo, cunha especial atención á arte galega. Estrutúrase de forma cronolóxica e temática, a través das seccións de pintura, escultura, debuxo, gravado, artes decorativas, cerámica, numismática e fotografía, que constitúen os fondos do museo.

 

‘As Mulleres na Música Galega’

Tras a inauguración deste novo espazo en Belas Artes, o director xeral asistiu ao concerto do grupo vocal EntrElas no marco da sétima edición de As Mulleres na Música Galega, no Instituto Eusebio da Guarda. O evento, que conta co apoio do Goberno galego, está dedicado á figura de María Muñoz Portal de Quevedo. Nada na Coruña en 1886 e falecida na Habana en 1947, desenvolveu na capital cubana un inxente labor musical como directora, musicóloga, fundadora da Sociedade Coral da Habana, o Conservatorio Bach, a prestixiosa Revista Musicalia e profesora sobre música folklórica cubana nos Cursos de Verán da Universidade da Habana, entre outros.

Así mesmo, Anxo M. Lorenzo, visitou a exposición Saudade,de Antonio Seijas, na Fundación Rodríguez Iglesias.

Comparte