Nova: A Xunta e as asociacións empresariais de escena e de música reúnen máis de 70 profesionais galegos e portugueses na xornada de apertura de Culturgal

24/11/2022

A Xunta e as asociacións empresariais de escena e de música reúnen máis de 70 profesionais galegos e portugueses na xornada de apertura de Culturgal

Poténciase a vertente de negocio cultural cun primeiro día de actividade reservado ao intercambio entre os axentes do sector a través de xuntanzas personalizadas, ‘networking’ e presentacións

O Goberno galego repite como principal entidade patrocinadora do evento, ao que lle achega ademais preto dunha trintena de citas entre talleres, relatorios, concertos e representacións escénicas

 

Pontevedra, 24 de novembro de 2022 Culturgal iniciou hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra o seu programa de actividades, que este ano se estende durante catro días para reservar o primeiro deles aos axentes do sector arredor da Xornada profesional de promoción escénica e musical de Galicia. Os colectivos Escena Galega e Asociación Galega de Empresas Musicais organizan este primeiro encontro da 15ª edición da feira, para o que contan co apoio da Xunta de Galicia.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na apertura da xornada, que reúne máis de 20 responsables de programación de municipios, teatros e festivais de Galicia e do norte de Portugal con medio centenar de representantes de compañías escénicas, grupos de música, empresas promotoras e distribuidoras integrantes das asociacións organizadoras.

Fomento da contratación de espectáculos

Sutil destacou a evolución de Culturgal cara a esta dimensión máis profesional na procura de incentivar o negocio cultural, “un compoñente crucial que ten que ter esta feira como socia prioritaria”. Neste sentido, celebrou que en 2022 se engada un día máis á programación para recibir os profesionais que inciden directamente na contratación dos espectáculos de artes escénicas e musicais que se producen en Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou igualmente a suma de esforzos por parte da Xunta e das dúas asociacións galegas de empresas de artes escénicas e de música para o desenvolvemento desta iniciativa, así como a participación de axentes chegados desde Portugal. “A nosa difusión cultural cara á outra beira do Miño é un destino natural que temos que valorar e coidar desde ambos os lados da fronteira”, engadiu.

Esta xornada profesional estenderase ata ás 18,30 h. arredor de accións de networking, presentacións, coloquios e roldas de negocio a modo de reunións personalizadas, enfocándose prioritariamente aos programadores dos espazos asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios, sen deixar de lado o resto das programacións que acollen os escenarios representados nesta xornada profesional. Ademais, este primeiro día de actividade acollerá a xuntanza da comisión artística do devandito circuíto de espectáculos, que a Xunta promove canda a unhas 40 entidades locais de toda Galicia.

Culturgal abrirase a todo o público a partir de mañá venres e despregará ata o domingo unha ampla oferta de actividades, á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe coa organización directa de preto dunha trintena de citas. Haberá talleres, presentacións, concertos e representacións escénicas, que terán lugar tanto no stand da Xunta como no resto dos espazos da feira.

 

Comparte