Nova: A Xunta convida a explorar na exposición ‘Ferrol no tempo’ a identidade e historia dunha cidade que embarcou a Galicia na modernidade

18/11/2022

A Xunta convida a explorar na exposición ‘Ferrol no tempo’ a identidade e historia dunha cidade que embarcou a Galicia na modernidade

A exposición, unha das grandes citas culturais deste outono e inverno en Ferrol, mergulla aos visitantes nunha extraordinaria viaxe a través da historia naval, obreira e ilustrada desta cidade

“A historia ensínanos como Ferrol foi moitas veces esa cidade onde as ideas, mesmo as máis complexas, podían facerse realidade xa que contaba co talento técnico e a preparación para levalas adiante”, subliña Román Rodríguez

Comisariada por Manuel Gago, e con Guillermo Llorca como coordinador, exhibe 115 pezas: obras de arte, fotografías, documentos e mapas históricos, obxectos inzados de simbolismo, así como vídeos e instalacións interactivas

Ferrol, 18 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente de Afundación, a Obra Social ABANCA, Miguel Ángel Escotet, inauguraron esta mañá a exposición Ferrol no tempo, unha das principais citas culturais deste outono e inverno nesta cidade, coa que se convida a explorar a identidade e legado dunha urbe que, tantas veces ao longo da historia, embarcou a Galicia na modernidade, amosando unha prodixiosa capacidade para a innovación técnica e a creatividade cultural.

 

A mostra, que se pode visitar de balde na sede de Afundación en Ferrol ata o 28 de xaneiro de 2023, está organizada pola Xunta e Afundación e conta coa colaboración dunha decena de institucións, entre as que se contan arquivos e museos nacionais, como o Museo Naval de Madrid, o Arquivo Xeral de Simancas, Patrimonio Nacional, o Centro Xeográfico do Exército ou o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, así como de institucións locais relevantes, como o Ateneo de Ferrol, o Museo Naval de Ferrol, a Diócese Mondoñedo-Ferrol ou a Fundación Hospital de la Caridad.

 

Comisariada por Manuel Gago, con Guillermo Llorca como coordinador local e apoiados por un sólido equipo de investigadores especializados en estudos sobre esta vila, Ferrol no tempo exhibe unha escolla de 115 pezas, entre as que se atopan obras de arte, fotografías, mapas e documentos históricos, obxectos inzados de simbolismo, vídeos e instalacións interactivas. “O resultado é un dos relatos máis completos para explicar a construción da identidade de Ferrol ao longo da súa historia”, asegurou o conselleiro de Cultura, quen engadiu que está seguro de que os visitantes sairán desta experiencia “abraiadas e orgullosas das contribucións de Ferrol á historia de Galicia e de España en tantas épocas diferentes”.

 

“A historia ensínanos como Ferrol foi moitas veces esa cidade onde as ideas, mesmo as máis complexas, podían facerse realidade xa que contaba co talento técnico e a preparación para levalas adiante”, asegurou Román Rodríguez.

 

O titular de Cultura do Goberno galego lembrou que Ferrol no tempo é a segunda das exposicións que a Xunta de Galicia e Afundación organizan no marco do proxecto Cidades no tempo, unha proposta coa que se pretende reivindicar a dimensión urbana de Galicia a través da organización dun mostra en cada unha das sete principais cidades galegas.

 

Pola súa banda, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, destacou na súa intervención que “o porvir urbano non se pode entender sen a reafirmación desta armonía campo-mar-cidade na que atopamos a vía do progreso”. Así, proseguiu, “aquí materializáronse influencias ideolóxicas de toda a Europa ilustrada xunto coas mellores experiencias tecnolóxicas da época”.

 

Escotet resaltou, ademais, que a mostra “permite, entre outros aspectos, contemplar con maior claridade o pouso intelectual que determinou o carácter desta cidade”.

 

Manuel Gago, comisario da mostra, quixo chamar a atención sobre a dimensión poliédrica da que describiu como “unha cidade de cidades’” e da complexidade que supuxo reunir nunha soa mostra “o Ferrol naval, o da Armada, o dos estaleiros, pero tamén unha das cidades que mellor encarnou a chegada de Ilustración, a vida obreira e que, tantas veces, abriu as portas da innovación técnica en Galicia”. Unha idea apoiada por Guillermo Llorca, que afirmou que Ferrol é unha “cidade por descubrir”.

 

Naval, obreira e ilustrada

A exposición percorre a través de varias seccións (Mitos e Orixes, Tramas, Escenarios, Cidade Narrada e Voces da Cidade) a evolución e construción da cidade dende diversas perspectivas a través dunha combinación de obxectos e materiais físicos e tecnoloxías interactivas.

Desde a Batalla de Brión librada na ría de Ferrol en 1800 e recreada a modo de ilustracións animadas, a mostra amosa o Ferrol Vello que permanece nos símbolos, o deseño das estruturas defensivas e da loxística dos servizos de subministración e saneamento, así como os proxectos das grandes obras públicas, as comunicacións e a construción dos barrios. Unha evolución marcada pola chegada da industria e polo crecemento da poboación provocado polas necesidades da Armada e os estaleiros, con forte presenza de cidadanía estranxeira. 

 

Baixo a premisa dunha expansión urbana considerada dos mellores exemplos da ilustración na Península Ibérica, atopamos planos e documentos dos séculos XVII e XVIII. Entre eles figura un mapa de 1639, conservado no Arquivo de Simancas, que describe o porto de Ferrol e no que a Coroa integra a ría dentro do sistema loxístico de apoio á Armada. Da mesma institución chega unha copia do plano orixinal do proxecto do Arsenal de 1751 de gran valor histórico porque presenta unha solución habitacional para o amplo continxente humano que chegaría á cidade. O plano da Alameda de Ferrol de 1841, procedente do Museo Naval de Madrid, é outra das pezas importantes que documentan neste caso a planificación da primeira alameda urbana de Galicia.

 

Os saberes técnicos teñen grande importancia no relato expositivo, destacando a Enciclopedia Mecánica (1962), precursora do hipertexto, ideada pola mestra Ángela Ruiz Robles e cuxo prototipo foi fabricado nas instalacións do Parque de Artillería de Ferrol. Outro dos exemplos do Ferrol industrial, ligado á cultura técnica do Arsenal, é un reloxo de seis esferas de 1811 procedente do Museo de Pontevedra.

 

Arte, literatura e entretemento

A arte e o entretemento, tan arraigados na sociedade ferrolá, están representados a través de varias pezas como son unha trompeta de cine sonoro de 1928, unha das escasas testemuñas conservadas da chegada do cine sonoro a Galicia e custodiada no Museo de Narón. Ademais, ten especial protagonismo unha pintura moi pouco coñecida e chea de simbolismo por ser un dos mellores exemplos da pintura social da Galicia da transición e primeiros anos da democracia. Trátase de Cara Fisterra, un cadro de Ricardo Segura Torrella cedido pola súa familia onde se representa a mestura da sociedade mecanizada e rural.

 

Ocupan un lugar sinalado no itinerario expositivo dúas pinturas do Palacio del Pardo. Son das primeiras vistas de Ferrol desde o Arsenal que aparecen na arte, obra de Mariano Sánchez e datadas entre 1792 e 1795. Cobran especial valor porque ser das escasas mostras de pinturas enfocadas na vida urbana e non relixiosas da Galicia do S.XVIII.

 

Entre o material documental, o percorrido recolle as notas do escribán Lopo García de Toar, da segunda metade do S.XV. Este notario público de Ferrol copiou 23 poemas do cancioneiro de Afonso Paes (de finais do S.XIV) cando a poesía trobadoresca en galego estaba en desaparición.  O seu achado revolucionou o que coñecíamos sobre os episodios finais da lírica galego-portuguesa medieval e, porén, ten un valor excepcional na literatura peninsular da época.

Comparte