Nova: Un novo web promove entre a mocidade creacións musicais e poéticas galegas e portuguesas co apoio da Xunta

09/11/2022

Un novo web promove entre a mocidade creacións musicais e poéticas galegas e portuguesas co apoio da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación deste proxecto impulsado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

O proxecto Play.aRi[t]mar aglutina máis dun cento de cancións e poesías de autores como Guadi Galego, Sés, Salvador Sobral, Ana Moura, Manuel Rivas, Lupe Gómez, Ana Luisa Amaral ou Nuno Júdice.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación da aplicación web play.aritmar.com, impulsada pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co obxectivo de promover a música e a poesía galegas e portuguesas, especialmente entre a mocidade.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades indicou que esta ferramenta web axuda a achegarlle a creación actual en galego á mocidade “a través dun medio no que esta se move con soltura, que é Internet” e sinalou que a xente que visite o sitio play.aritmar.com “comprenderá que pode atopar na lingua propia de Galicia o estilo de música ou de poesía que lle gusta, sexa cal for, porque temos moita variedade”.

Canda o secretario xeral de Política Lingüística tamén participaron no acto, que tivo lugar no Pazo de San Roque, Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela; Daniel Mago, deseñador da plataforma; Vítor Bello, representante de Nordesía, empresa produtora de aRi[t]mar, e a cantante Uxía, madriña do certame.

Vehículo para promover a música e a poesía das dúas beiras do Miño

Esta plataforma en liña aglutina músicas e poesías dos diferentes artistas que resultaron gañadores ou optaron aos diferentes premios dentro de cada categoría nalgunha das edicións do aRi[t]mar, vixente desde 2016. En total, o servizo conta con máis dun cento de cancións e poesías de autores e autoras como Guadi Galego, Sés, Salvador Sobral, Ana Moura, Manuel Rivas, Lupe Gómez, Ana Luisa Amaral ou Nuno Júdice, entre moitos outros.

 

Os contidos son accesibles a través de vídeos musicais e videopoemas, principalmente, pero a aplicación web tamén conta con versións escritas das poesías, así como das letras das cancións, e mais con material que tenta enriquecer a experiencia de uso. Ademais, as persoas usuarias poden acceder a todos os materiais a través dun navegador calquera desde o dispositivo que desexen, pois a visualización é moi semellante á dunha app, aínda que coas vantaxes e flexibilidade propias dunha versión web.

Premios da música e poesía galego-portuguesa

A iniciativa aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural que busca afianzar os vínculos lingüísticos e culturais entre Galicia e o país veciño, divulgando a música e a poesía galego-portuguesa actuais. Conta co patrocinio da Xunta, da Deputación Provincial da Coruña, do Concello de Santiago, do Instituto Camões e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. Ademais, tamén colaboran neste proxecto a Facultade de Filoloxía da USC, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, as Escolas Oficiais de Lugo e Pontevedra, o Centro Cultural Português de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português a través de Camões na Galiza.


Comparte