Nova: A Filmoteca de Galicia súmase ao centenario de María Casares coa proxección das súas películas rodadas en Francia
02/11/2022
A Filmoteca de Galicia súmase ao centenario de María Casares coa proxección das súas películas rodadas en Francia
A retrospectiva dedicada á actriz coruñesa iniciarase o 22 de novembro e incluirá cinco títulos como primeira parte dun ciclo que continuará en decembro
A carteleira deste mes da cinemateca da Xunta abre esta tarde con ‘Luces de la ciudad’, de Charles Chaplin e mais a primeira entrega das tres dedicadas á Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona
Novembro tamén presenta a nova proposta ‘Filmes falados’ e un coloquio arredor da figura de José Sellier
A Coruña, 2 de novembro de 2022 A serie de películas rodadas en Francia con María Casares como protagonista será un dos eixos da nova programación para o mes de novembro da Filmoteca de Galicia, co que o centro audiovisual da Xunta se suma na recta final de ano á celebración do centenario da actriz coruñesa. A carteleira de novembro, que arranca esta mesma tarde, complétase coa continuidade dos ciclos dedicados a Charles Chaplin, a nova proposta Filmes falados ou varios pases dedicados á Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona (MIFDB), entre outros contidos.
Precisamente o encontro catalán que leva 30 anos de traxectoria poñendo o foco no tratamento do feminismo desde o cinema será o que abra hoxe o programa de novembro na sala José Sellier. Será despois do pase de Luces de la ciudad, de Charles Chaplin (ás 18,00 h.) con El Silencio de Christine M. (ás 20,30 de Marleen Gorris (ás 20,30 h), nunha sesión que contará coa presenza de Alba Villarmea, programadora da MIFDB e autora do libro que percorre a historia desta mostra. Os outros títulos que se proxectarán nese apartado son Privilege, de Yvonne Raines (mañá xoves ás 18,00 h.) e Orlando, de Sally Potter (o día 8 ás 18,00 h.)
Tamén o ciclo de Charles Chaplin, iniciado en outubro, terá novas entregas ao longo de todo o presente mes, coa proxección de películas tan emblemáticas como Tiempos modernos (días 5 e 8), El gran dictador (días 12 e 15) e Monsieur Verdoux (días 26 e 29).
A partir da palabra para Filmes falados
Um filme falado é o título dunha película de Manoel de Oliveira de 2003, unha fábula onde os personaxes, pechados nun cruceiro polo Mediterráneo, discuten sobre o divino e sobre o humano, nunha sorte de metáfora sobre o destino da civilización europea, mesturando con total naturalidade linguas diferentes. A partir desta idea, a Filmoteca de Galicia traza un panorama por ese cine máis recente edificado a partir da palabra, tendo en conta que o diálogo sostén moitas películas contemporáneas e moitos cineastas son verdadeiros mestres na arte de combinar as palabras e as imaxes.
Baixo esta categoría poderemos ver, por exemplo, Ordet (La palabra), de Carl Theodor Dreyer (días 3 e 4), Quiero hablar sobre Duras, de Claire Simon (días 9 e 10), Malmkrog (día 11), La ruleta de la fortuna y la fantasía, de Ryûsuke Hamaguchi (días 16 e 17), La mamá y la puta (día 18) ou Introduction, de Hong Sang-soo (día 30).
María Casares na gran pantalla
A retrospectiva dedicada a María Casares, que terá continuidade ao longo do mes de decembro na Filmoteca, iniciarase o 22 de novembro, día seguinte ao do cumprimento do centenario do seu nacemento, o 21 de novembro na Coruña, e data que marca o pasamento da actriz en Alloue (Francia) en 1996. A película escollida para esta xornada é a que marca o seu debut no cinema, Los niños del paraíso, de Marcel Carné, que terá un segundo pase o venres 25.
Outros títulos da cinematografía francesa con Casares como protagonista e que se proxectarán na sede da Filmoteca de Galicia son Orfeo, de Jean Cocteu (días 23 e 24), Las damas del bosque de Bolonia, de Robert Bresson (día 24) e unha sesión dobre o 29 de novembro con Guernica, de Alain Resnais e Robert Hessens, xunto con El testamento de Orfeo, de Jean Cocteau.
Con esta serie de proxeccións, a Filmoteca contribúe á celebración do centenario de María Casares desde a gran pantalla, incorporándose deste xeito ao resto de programa de actividades de difusión que vén realizando durante todo o ano a Xunta de Galicia para conmemorar esta efemérides.
Novembro de 2022 marca tamén outro centenario: o de José Sellier, figura que lle dá nome á sala de proxeccións da Filmoteca. Con este motivo, o día 23 ese mesmo espazo acollerá un coloquio arredor deste cineasta de orixe francesa, pioneiro do cinema galego desde a súa actividade cinematográfica sempre vinculada á cidade da Coruña.
Outros apartados e ciclos como Off Galicia, Filmoteca Jr., Banda á parte, Desencadres ou A casa do cinema terán así mesmo novas citas co público nunha completa carteleira que pode consultarse no web.