Nova: Volven as ‘Quintas do Camões’ á sede do Centro Dramático para poñer o foco nas raíces comúns do galego e o portugués

24/10/2022

Volven as ‘Quintas do Camões’ á sede do Centro Dramático para poñer o foco nas raíces comúns do galego e o portugués

Esta nova edición do ciclo, promovido xunto ao Centro Cultural Portugués do Instituto Camões en Vigo, comeza mañá no Salón Teatro de Santiago coa presentación da ‘Antoloxía do teatro galego contemporáneo’ pola Cena Lusófona

Nuno Cardoso, director artístico do Teatro Nacional São João, interpretará o seu monólogo ‘Achadiço’ os días 25 e 26, mentres que a Companhia de Teatro de Braga chegará o 1 de decembro co espectáculo ‘Calígula’, dirixido por Manuel Guede
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022 O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela, será por segundo ano consecutivo o escenario do ciclo Quintas do Camões, que dá comezo mañá baixo a organización compartida entre a unidade teatral da Xunta de Galicia e o Centro Cultural Portugués do Instituto Camões en Vigo. O programa deste ano volve poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, ademais de incidir no papel do teatro como espazo para o encontro cultural.

 

As Quintas do Camões arrancan mañá mesmo, ás 20,00 h., coa presentación da Antoloxía do teatro galego contemporáneo, escolma en dous volumes e edición bilingüe publicada pola Cena Lusófona, asociación portuguesa para o intercambio teatral no ámbito lusófono. António Augusto Barros, director da colección na que se insire este título, contou co asesoramento de Ánxeles Cuña Bóveda, Dolores Vilavedra e Inma López Silva para esta recompilación a modo de percorrido pola escrita dramática galega desde os anos 70 do pasado século ata a actualidade.

 

Dez títulos

Para o primeiro dos volumes, seleccionáronse as pezas Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres, que subirá por primeira vez á escena profesional en 2023 da man do Centro Drámático Galego; O aniversario. Cerimonia de laios e saloucos, de Euloxio R. Ruibal; Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño; Cando chega decembro, de Manuel Lourenzo; As certezas de Ofélia, de Luisa Villalta; Lugar, de Raúl Dans, e Footing, de Gustavo Pernas Cora, ademais do ensaio introdutorio Historia dun futuro, por Dolores Vilavedra.

 

O segundo dos volumes xunta as obras As do peixe, de Cándido Pazó; Judite, de Marcos Abalde Covelo; Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas; Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, e As oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez. Esta última, editada previamente pola Xunta e Xerais como gañadora en 2018 do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, foi levada a escena a pasada primavera polo Centro Dramático Galego con dramaturxia de Marta Pazos.

 

Dúas funcións de Nuno Cardoso

Tamén esta semana, o Salón Teatro recibirá a Nuno Cardoso, director artístico do Teatro Nacional São João, no Porto, co monólogo Achadiço, que el mesmo escribiu, dirixiu e interpreta. Recoñecido como un dos máis destacados directores teatrais da escena portuguesa actual, Cardoso representará o mércores 26 e o xoves 27, ás 20,00 h., unha montaxe que toma o seu nome dun modismo de Canas de Senhorim, freguesía da que é orixinario. Achadiço refírese ao que non encaixa, substantivo que o creador se aplica a si mesmo e a este espectáculo, construído sobre un espazo-tempo improvisado que tampouco encontra unha clasificación ao uso e que nos introduce nun labirinto de referencias a partir da memoria propia e da compartida.

 

Xa en decembro, as Quintas do Camões presentarán en Santiago Calígula, una produción da Companhia de Teatro de Braga a partir da obra de Albert Camus con dirección escénica do galego Manuel Guede Oliva. A proposta, que subirá ao escenario do Salón Teatro o 1 de decembro, ás 20,00 h., deixa constancia dos paralelismos deste texto de 1944 coa actualidade.

 

As entradas para Achadiço están xa á venda na web www.ataquilla.com, onde proximamente poderán adquirise tamén as de Calígula, en ambos casos a un prezo especial de 3 euros para o alumnado das escolas de idiomas e para grupos escolares. Tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das funcións.

Comparte