Nova: A Xunta reforzará en 2023 o seu compromiso coa conservación do patrimonio cultural cun 14% máis de orzamento

15/10/2022

A Xunta reforzará en 2023 o seu compromiso coa conservación do patrimonio cultural cun 14% máis de orzamento

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita a Casa de Don Álvaro en Lalín, onde anunciou que o seu departamento elevará en 4 M€ máis a partida para actuacións de conservación e restauración de bens o vindeiro ano

 

Salientou que este esforzo inversor permitirá ampliar o labor que se está desenvolvendo en toda a Comunidade e avanzar nas grandes liñas de traballo

 

“Os galegos temos a sorte de contar cunha gran riqueza patrimonial que nos identifica como pobo e que temos a obriga de coidar e preservar”, afirma o conselleiro

 

Unha das intervencións que se impulsarán ao abeiro deste incremento e a reforma e adaptación da Casa de Don Álvaro de Lalín para usos culturais, sociais e turísticos

 

Lalín (Pontevedra), 14 de outubro de 2022  A Xunta de Galicia reforzará o seu compromiso coa conservación do patrimonio artístico e cultural cun aumento do 14% na partida do vindeiro ano destinadas a este fin. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a Casa de Don Álvaro de Lalín, onde se referiu aos Orzamentos de 2023 como unhas contas “comprometidas cos tesouros dos galegos”.

Tal e como explicou durante a visita, a Administración autonómica elevará en 4 M€ a achega destinada á conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais nos Orzamentos de 2023. O obxectivo deste esforzo inversor é ampliar o alcance do labor posto en marcha nos últimos anos para garantir a mellor conservación do noso patrimonio, así como avanzar nas grandes liñas de traballo desta área como son o Plan Catedrais, o Plan de BICs ou a salvagarda de bens culturais, arqueolóxicos e etnográficos de toda a Comunidade.

“Os galegos temos a sorte de contar cunha gran riqueza patrimonial que nos identifica como pobo e as contas previstas para o vindeiro ano farán posible que continuemos mantendo firme a nosa obriga de coidar e preservar este gran legado”, salientou Román Rodríguez.

Así, o conselleiro de Cultura lembrou que o Goberno galego ten actualmente en marcha proxectos de recuperación e rehabilitación do patrimonio cultural en toda Galicia e fixo especial fincapé no Plan Catedrais, a folla de ruta con diversas actuacións ata 2027 e un investimento de 38M€ destinada a garantir que os inmobles máis senlleiros da Comunidade cheguen á celebración do vindeiro Ano Santo de 2027 nas mellores condicións.

Por outro lado, explicou que un dos proxectos previstos é precisamente a Casa de Don Álvaro en Lalín, onde a Xunta de Galicia e o Concello colaborarán para reformala e adaptala a usos culturais, sociais e turísticos. “Os Orzamentos do vindeiro ano contan cunha achega de 200.000€ para impulsar esta rehabilitación que dará resposta ás necesidades do municipio de Lalín ao tempo que se pon en valor o legado e a historia de Galicia”, afirmou.
 

Comparte