Nova: A Xunta remata a itinerancia de ‘100% María Casares. O teatro é o refuxio’ en Pontevedra
07/10/2022
A Xunta remata a itinerancia de ‘100% María Casares. O teatro é o refuxio’ en Pontevedra
A exposición poderá verse ata o 2 de novembro na praza de España tras o seu paso por Santiago, Ferrol, Vigo, Lugo e Ourense
Artéllase en 10 grandes áreas temáticas a través das que se achega á cidadanía diferentes facetas persoais e profesionais da artista
A exposición forma parte da programación impulsada pola Consellería de Cultura no marco do centenario do nacemento da actriz, o vindeiro mes de novembro
Pontevedra, 7 de outubro de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe en Pontevedra a última parada da exposición itinerante 100% María. O teatro é o refuxio promovida pola Xunta de Galicia no marco da conmemoración do centenario do nacemento da actriz, o vindeiro mes de novembro.
Durante a presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que a exposición poderá verse na praza de España ata o vindeiro 2 de novembro tras o seu paso por Santiago, Ferrol, Vigo, Lugo e Ourense. “Trátase dunha iniciativa coa que levamos a figura de María Casares por todo o territorio co fin de que os galegos comprendan a súa importancia para o teatro galego, español e europeo”, salientou.
Neste marco, Anxo M. Lorenzo, engadiu que 100% María. O teatro é o refuxio, xunto con toda a programación impulsada polo Goberno galego, supón unha “magnífica oportunidade para afondar nas diferentes facetas profesionais da actriz e darlle toda a visibilidade que merece a súa traxectoria”, con actividades que inclúen desde exposicións a conferencias e proxectos escénicos e audiovisuais, entre outras propostas.
Comisariada por Arancha Estévez Lavandeira, a mostra artéllase arredor de cinco grandes paneis. Impresos por ambas caras, tratan diferentes temáticas arredor de María Casares, tanto de carácter persoal como profesional que inclúen a súa familia, o período da Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz: A Coruña e Madrid. Tamén se afonda no exilio a París, na súa experiencia na gran pantalla, na relación con Albert Camus e na súa entrega ao teatro e cine.
O percorrido continúa pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos. O último panel, Con Galicia quero estar en desorde…, céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París.