Nova: O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea abre a súa décima convocatoria cun novo apoio da Xunta

06/09/2022

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea abre a súa décima convocatoria cun novo apoio da Xunta

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa no CGAC na presentación desta iniciativa impulsada pola asociación Outono Fotográfico
 

Desde mañá e ata o 23 de outubro pódense presentar propostas a este certame, cuxo premio será a produción dunha exposición itinerante e a publicación dun libro
 

Salienta a capacidade do galardón para crear na Comunidade galega un espazo de intercambio artístico entre talento galego e do resto do mundo

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no CGAC na presentación do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, un certame que este ano celebra a súa décima edición impulsado pola asociación Outono Fotográfico e co apoio da Xunta de Galicia.

 

Durante o acto de presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade destacou a importancia desta iniciativa que contribúe a situar Galicia no mapa da creación artística e poñer en valor a gran calidade do traballo que se fai na nosa Comunidade en clave contemporánea. Nesta liña, resaltou a capacidade do galardón para “atraer artistas de todas partes do mundo convertendo a nosa terra nun espazo de intercambio artístico no que o talento galego convive con creadores de diferentes partes do mundo”.

 

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo cun único premio que consiste na produción dunha exposición itinerante e unha publicación dun libro. A exposición inaugurarase entre os meses de decembro de 2022 e xaneiro de 2023 en Lugo e itinerará durante dous anos polo resto de Galicia nas salas de Afundación. Ademais, publicarase un libro que formará parte da serie Premio Galicia de Fotografía Contemporánea da colección OF e que se distribuirá nas librarías.

 

Linguaxe visual e contemporaneidade

Os interesados en participar deberán presentar o seu proxecto desde mañá ata o 23 de outubro. Deben ser traballos realizados entre outubro de 2012 e outubro deste ano que non foran subvencionados ou becados na súa totalidade anteriormente noutro certame, nin editado na súa totalidade en calquera soporte, con enteira liberdade respecto ao tema e á técnica.

 

Entre os proxectos recibidos, o xurado seleccionará tres proxectos finalistas atendendo á linguaxe visual do autor, á calidade fotográfica e á contemporaneidade. Os nomes dos finalistas publicaranse o 2 de novembro de 2022 en outonofotografico.com e e nas redes sociais da Asociación Outono Fotográfico.

Comparte