Nova: A Xunta apoia con 150.000 euros a temporada lírica da Coruña para a 70ª edición que abre mañá a soprano Asmik Grigorian

31/08/2022

A Xunta apoia con 150.000 euros a temporada lírica da Coruña para a 70ª edición que abre mañá a soprano Asmik Grigorian

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Coruña, Gonzalo Trenor, reuníronse cos representantes da directiva da Asociación Amigos de la Ópera para valorar a colaboración deste ano no marco do Xacobeo 2021-2022

A recoñecida cantante armenio-lituana protagoniza a primeira dunha quincena de citas co bel canto, entre as que destacan tamén a posta en escena da ópera Norma, a versión concerto de ‘A forza do destino’ e ‘Ariodante’, a gala de conmemoración do 70º aniversario e o recital do tenor francés Roberto Alagna
 

 

A Coruña, 31 de agosto de 2022.- A Xunta de Galicia repite como principal entidade colaboradora da Temporada Lírica da Coruña, á que este ano achega 150.000 euros a través do convenio asinado coa Asociación Amigos de la Ópera. O Goberno galego contribúe así á conmemoración do 70º aniversario deste programa, que arranca mañá mesmo co recital da soprano armenio-lituana Asmik Grigorian no Teatro Rosalía Castro.

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuníronse cunha representación da directiva da Asociación Amigos de la Ópera, encabezada pola súa presidenta, Natalia Lamas, para valorar esta nova colaboración, enmarcada ademais na celebración do Xacobeo 21-22.
 
O apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fundaméntase non só no importante labor deste programa para a difusión do bel canto entre o público da área coruñesa e do resto de Galicia, senón tamén na posta en valor dos intérpretes galegos deste xénero con apartados específicos para a súa proxección. Neste sentido, este ano a sección Nosos intérpretes celebrará os 35 anos de carreira de Luis Cansino (16 de novembro), mentres que Novas voces galegas estará protagonizada polas sopranos Lorena Paz Nieto e Susana García Pico (2 e 22 de novembro, respectivamente).
 

Unha quincena de citas ata decembro

A 70ª Temporada Lírica da Coruña ofrecerá unha quincena de citas ata o mes de decembro, entre recitais, galas e actividades formativas. Ademais de Asmik Grigorian, premio á mellor cantante feminina nos International Opera Awards de 2019, esta mesma semana o Teatro Colón acollerá o día 3 a versión concerto de A forza do destino, de Guiseppe Verdi, con dirección de Guiseppe Finzi e con Angela Meade, Alejandro Roy e Borja Quiza nos papeis principais.

Tras a celebración da Gran Gala Lírica o 10 de setembro baixo a batuta de Pérez Sierra, os días 22 e 24 deste mes chegará outro dos pratos fortes da programación coa escenificación no Teatro Colón da ópera Norma, de Bellini, título emblemático do repertorio universal, coa súa mítica aria Casta Diva. José Miguel Pérez Sierra asumirá a dirección desta obra, coa música da Orquestra Sinfónica de Galicia e as voces de Veronika Dzhioeva, Nicole Brandolina, Moisés Marín, Rubén Amoretti e o Coro Gaos.

 

Única actuación en España de Roberto Alagna

Ao longo destes catro meses dedicados á lírica, sucederanse en diferentes escenarios coruñeses outros destacados recitais, como o do tenor donostiarra Xabier Anduaga o 23 de setembro, a soprano Vanessa Goikoetxea o 13 de outubro, a ópera semiescenificada Ariodante, de Händel, o 9 de novembro, ou a fin de temporada o 7 de decembro con Roberto Alagna xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia, na que será a única actuación que o tenor francés ofrecerá este ano en España.
 Ademais, a Asociación Amigos de la ópera volverá a ofrecer o seu curso de canto a cargo de Mariella Devia e unha nova entrega da experiencia lírica inclusiva, entre outras actividades paralelas.

Comparte