Nova: A Xunta dota con 300.000 € as subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais para afondar na senda da recuperación do sector

17/08/2022

A Xunta dota con 300.000 € as subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais para afondar na senda da recuperación do sector

O Diario Oficial de Galicia publica as bases reguladoras desta convocatoria, que abre mañá o prazo dun mes para presentar solicitudes para a fase de preprodución de futuras películas e series
 

Esta liña reforzouse en 2022 cos 1,2M€ adxudicados no marco do Hub Audiovisual a 12 produtoras para a preparación simultánea de entre tres e cinco propostas en cada caso, de xeito que se impulsan os traballos previos de 47 próximas producións
 

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2022  O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria anual de subvencións da Xunta ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais individuais, para a que reserva un orzamento de 300.000 euros. Esta cifra destinarase aos diferentes traballos que teñan lugar na fase de preprodución de películas e series galegas para cinema e televisión cara á súa produción e rodaxe en anos posteriores.

 

En 2022, esta liña de axudas reforzouse de maneira extraordinaria coa recente adxudicación de 1,2 millóns de euros a 12 produtoras galegas para o desenvolvemento simultáneo de paquetes de entre tres e cinco proxectos en cada caso, de xeito que se impulsan os traballos previos cara á futura produción de 47 novos títulos para cine, televisión e plataformas de vídeo baixo demanda. Ambas convocatorias xestiónanse a través do novo Hub Audiovisual da Industrias Cultural da Xunta de Galicia co obxectivo prioritario de favorecer a recuperación económica do sector.

A través deste Hub galego, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a articular un programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector, que se traduce nun investimento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19. 

Fase anterior á rodaxe

No caso das subvencións convocadas hoxe, apoiaranse as actividades propias da fase de desenvolvemento anterior á rodaxe, como son as relacionadas coa escrita do guión, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación ou elaboración de materiais promocionais, entre outras.

 

Ao abeiro destas axudas, que poderán solicitarse ata o 19 de setembro, cofinanciaranse proxectos de longametraxes cinematográficas cunha duración mínima de 60 minutos, ben sexan de ficción, animación ou documental de carácter creativo, de series de ficción que duren polo menos 150 minutos, series de animación cunha duración non inferior a 100 minutos e series documentais coa mesma duración mínima.

 

A intensidade da axuda poderá acadar o 100% do gasto subvencionable, con contías de ata 30.000 euros para proxectos de longametraxes cinematográficas de animación, de 25.000 euros para as de ficción e de 15.000 euros para as documentais. No caso das obras audiovisuais para televisión e plataformas, subvencionaranse con ata 30.000 euros os proxectos de series de ficción ou animación e cun máximo de 20.000 euros os de series documentais.

Comparte