Nova: Os museos da Xunta e as bibliotecas públicas ofrecen este verán máis de 1.000 actividades para todos os públicos

14/08/2022

Os museos da Xunta e as bibliotecas públicas ofrecen este verán máis de 1.000 actividades para todos os públicos

Os centros museísticos manteñen aberta estes meses máis dunha vintena de exposicións que reúnen distintas disciplinas como fotografía, ‘performance’ ou videocreación e tamén están en marcha varias mostras itinerantes de rúa

Máis de 600 actividades de dinamización da lectura entre obradoiros, monicreques e narración oral enchen de programación as bibliotecas

Ademais, ofértanse máis de 40 actividades con campamentos ou accións adaptadas a distintas idades e relacionadas no Plan Corresponsables posto en marcha polo Goberno autonómico en distintos centros culturais para facilitar a conciliación

 

 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2022 Os museos xestionados pola Xunta e as bibliotecas da rede pública ofrecen este verán máis dun milleiro de actividades para todos os públicos, entre exposicións, visitas comentadas, obradoiros e diferentes propostas de animación familiar.

 

En concreto, a programación cultural inclúe máis dunha vintena de propostas nos centros museísticos de distintas disciplinas artísticas: fotografía, pintura, escultura, videocreación ou performance que veñen acompañadas con distintas actividades paralelas como obradoiros ou visitas guiadas. Súmanse a exposicións itinerantes nas cidades e vilas coincidindo con efemérides que se conmemoran durante 2022, como o centenario de María Casares ou as homenaxes a Florencio Delgado Gurriarán.

Realidade virtual con Iñárritu e A arte de Dalí ou Le Corbusier

En Santiago de Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago propón coñecer os vínculos xacobeos da danza ancestral coñecida como chacona a través de máis dun cento de instrumentos antigos e arquivos sonoros coa exposición Chacona. A Canción de Santiago. Pola súa banda, o CGAC acolle tres propostas como unha escolma dun dos fotógrafos galegos de referencia nos anos 50 e 60, o vigués Raniero Fernández, así como outras dúas citas: O museo como escenario e Nalgures da australiana Narelle Jubelin.

 

Unha proposta novidosa é a que ofrece a Cidade da Cultura, que convida a achegarse a experiencia dos migrantes coa instalación de realidade virtual CARNE y ARENA, o proxecto de Alejandro González Iñárritu que emprega sofisticada tecnoloxía inmersiva para comprender a viaxe das persoas que atravesan a fronteira entre México e os Estados Unidos. En xullo, primeiro mes aberta, viviron a experiencia máis de 2.000 persoas e aínda quedan entradas limitadas para este mes de agosto e setembro.

 

A esta proposta engádense as exposicións Vía da Prata. Aires do Sur, que cruza séculos e camiños da man de 40 fotógrafos clásicos e contemporáneos, e Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, con obras de Man Ray, Chirico, Dalí ou Le Corbusier e que explora a relación entre surrealismo e deseño ao longo dos últimos anos. Ademais, cómpre destacar outras catro citas: Mulleres sobranceiras: entre a economía doméstica e o mundo empresarial, así como a mostra dedicada a Florencio Delgado Gurriarán, Constelación Luz Pozo Garza e Escenas do cambio: María Casares-Pedro Soler. Collioure 1989.

Canto á Casa Museo Camilo José Cela, en Padrón, vén de ampliar o seu horario e recuperar as visitas guiadas á propia fundación, que custodia o legado do Premio Nobel, e ofrece tamén unha mostra fotográfica de Tino Martínez sobre as romarías galegas.

‘After the Whale’, con Manuel Vilariño, en Belas Artes

Na cidade da Coruña, o Museo de Belas Artes celebra o verán coa exposición After de Whale, na que invita a afondar na obra do fotógrafo Manuel Vilariño a través desta mostra que dialoga coa colección do propio museo. Componse de imaxes de gran formato, vídeos e instalacións que suman 51 pezas entre as que destaca un esqueleto de balea que lle dá nome ao proxecto e fai referencia á novela Moby Dick.

 

En Lugo, o Museo do Castro de Viladonga, no concello lucense de Castro de Rei, acolle diferentes actividades para todos os públicos e visitas á súa colección permanente sobre o mundo castrexo. Pola súa banda, na provincia ourensá, o Museo Etnolóxico de Ribadavia mantén a exposición Abrente que divulga como foi o proceso de conservación dos fondos desta asociación cultural. Nesta mesma localidade, o Museo do Viño ten a súa exposición permanente organizada en oito salas que permiten coñecer a historia da viticultura de Galicia, con actividades que combinan a historia do viño coa música.

 

Ampliación da exposición permanente do Museo do Mar

Na cidade de Vigo, o Museo do Mar de Galicia propón tres exposicións: O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra e Albino Fernández (1921-2021),así como a ampliación da exposición permanente coa nova proposta sobre as peregrinacións marítimas e o fenómeno xacobeo: Camiños por mar a Compostela. O medio mariño protagoniza tamén a actividade do Museo Massó, no concello pontevedrés de Bueu, que ofrece ao longo de todo o mes visitas guiadas ao público e actividades para a cativada.

 

Pola súa banda, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro organiza obradoiros e visitas guiadas ao recinto e o seus petróglifos, que se están a completar con actividades divulgativas para coñecer o medio natural que o rodea.



Actividades nas bibliotecas

A rede de bibliotecas públicas teñen en marcha máis de 700 actividades de dinamización da lectura ao abeiro do programa Ler conta moito. Así mesmo, este verán estréase o Plan Corresponsables, ao abeiro do que as dotacións culturais acollen por primeira vez preto de 40 actividades con máis de 1.300 rapaces para facilitar a conciliación familiar.

 

Inclúe desde campamentos ata obradoiros ou actividades adaptadas a distintos grupos de idade e relacionadas co ámbito cultural. Todos os servizos son prestados por persoal cualificado. En concreto, ofértase na Cidade da Cultura, nas bibliotecas Miguel González Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Juan Compañel de Vigo e Ánxel Casal de Santiago; nos arquivos do Reino de Galicia na Coruña, Histórico Provincial de Ourense e Histórico Provincial de Pontevedra, e nos museos do Castro de Viladonga, de Belas Artes da Coruña e Etnolóxico de Ribadavia.

A axenda completa pode consultarse nas respectivas webs e redes sociais dos centros, espallados por todo o territorio galego e na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte