Nova: Román Rodríguez salienta que o novo Festival de Teatro FestiValle marcou un precedente de proxección e organización con máis de 2.000 persoas

04/08/2022

Román Rodríguez salienta que o novo Festival de Teatro FestiValle marcou un precedente de proxección e organización con máis de 2.000 persoas

“Volveuse reflectir o aprecio que o público de todas as idades sente pola figura do autor e por iso é momento de que entre todos nos aseguremos de que este certame se converta nunha cita de referencia en Galicia e fóra dela”, afirma

Felicita á Asociación de Amigos de Valle-Inclán, impulsora da cita co apoio da Xunta
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 4 de agosto de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de balance do Festival de Teatro FestiValle que este verán celebrou a súa primeira edición en Vilanova de Arousa e do que resaltou que marcou un precedente de “proxección, calidade e organización”, ao conseguir reunir máis de 2.000 persoas e contribuír a divulgar a obra do escritor entre todos os públicos.

 

O responsable autonómico de Cultura referiuse ao éxito de público xa que todas as funcións dos espectáculos teatrais programados, as conferencias e as visitas culturais polos rueiros completaron a cabida. “Un interese que constata algo que xa sabiamos, que a obra de Valle-Inclán segue espertando paixón e desfrutando de gran éxito en calquera escenario”, engadiu.

 

Neste senso, o conselleiro felicitou ao director do FestiValle, José Luis Méndez Romeu, á Asociación de Amigos de Valle-Inclán, encabezada por José María Paz Gago,  e ao Concello por poñer en marcha unha iniciativa que permitiu ofrecer novas olladas ás obras do autor e, á vista dos resultados, augurou un bo futuro para o certame que ten o apoio da Xunta.

 

Román Rodríguez animou a que os axentes culturais -locais e galegos, pero tamén do resto de España- traballen de xeito conxunto para asegurarse que este se converta nun festival de referencia tanto na contorna cultural e teatral de Galicia como no resto do país. “É o momento de comezar a traballar en clave de futuro e que o FestiValle siga aumentando ano tras ano e facelo con ambición, determinación e coherencia”, expresou.

Comparte