Nova: A Xunta apoia o festival itinerante ‘Danza en el Camino´ e as súas exhibicións en Sarria, Portomarín e Santiago de Compostela

16/07/2022

A Xunta apoia o festival itinerante ‘Danza en el Camino´ e as súas exhibicións en Sarria, Portomarín e Santiago de Compostela

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsa a colaboración exterior e a expansión desta disciplina artística ao colaborar co encontro organizado polo prestixioso Certamen Internacional de Coreografía Burgos & Nueva York

A produción galega ‘Estancia Paisaje’, de Esther Latorre e Hugo Pereira do Colectivo Glovo, Paula Quintas e Fran Martínez, é un dos tres espectáculos a concurso nesta iniciativa que se estende por vez primeira polo territorio galego
 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2022.- Danza en el Camino, festival itinerante de creación coreográfica enmarcado no programa do Certamen Internacional de Coreografía Burgos & Nueva York, estenderá por primeira vez o seu percorrido por Galicia co apoio da Xunta. O encontro, organizado pola Junta de Castilla y León coa colaboración da plataforma cultural SóLODOS, celebrará tres das súas galas de exhibición por enclaves das Rutas Xacobeas na praza da Vila de Sarria (o mércores 20), na praza da igrexa de Portomarín (o xoves 21) e na praza de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela (o venres 22).

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades brinda a súa colaboración a este festival no marco das liñas de acción do Plan Integral para a Danza de Galicia, cuxas metas e estratexias de actuación consensuáronse co sector a través dun proceso participativo do que forman parte as principais asociacións da danza e das artes do movemento.

 

Entre as prioridades acordadas no marco deste diálogo, atópanse a descentralización dos circuítos de exhibición da nosa danza, o fomento da proxección exterior e a colaboración con entidades, festivais e institucións de fóra de Galicia. Estres tres obxectivos conflúen no caso do Certame Internacional de Coreografía Burgos & Nueva York, unha iniciativa do Ballet Contemporáneo de Burgos que chega este ano á súa 21ª edición cun gran prestixio para a profesión artística.  

 

Para a súa etapa galega, Danza en el Camino pasa a ser Danza no Camiño e contará no seu cartel cun espectáculo de factura galega, Estancia Paisaje. Esther Latorre e Hugo Pereira, membros do Colectivo Glovo, xunto a Fran Martínez e a Paula Quintas ofrecen nesta peza unha memoria colectiva que xorde en escena grazas a establecer unha clara relación do corpo co espazo, o territorio e a historia. Confórmase así unha metáfora que entende peregrinar como bailar. As outras dúas obras que se poderán ver neste encontro itinerante serán Simposio, da compañía italiana Bellanda, e Dystopian, da formación afincada en Alemaña Frantics Dance Company.

 

21.000 euros en premios

Estes tres espectáculos competirán polos diversos galardóns que concede Danza en el Camino nesta cuarta edición. Os coreógrafos seleccionados para participar no concurso recibirán 3.000 euros. Un xurado popular —integrado por 20 persoas designadas entre a veciñanza de cada municipio que acolle a competición, peregrinos e público asistente designará como gañadora unha peza en cada unha das 12 galas de exhibición programadas en Castela e León, Galicia e País Vasco. A proposta triunfante en cada cita recibirá 1000 euros adicionais. As pezas disporán tamén da posibilidade de xirar, grazas ao convenios que o Certamen Internacional de Coreografía Burgos & Nueva York mantén co Goberno autonómico de Castela e León, a través da Red de Teatros dentro do espectáculo colectivo Coreógrafos del XX.I

 

Danza en el Camino está dirixida polo coreógrafo Alberto Estébanez e, ademais do patrocinio da Xunta de Galicia, conta co apoio das deputacións de Burgos e de León, dos concellos galegos de Sarria, Portomarín e Santiago de Compostela, dos municipios castelán e leoneses de Belorado, San Juan de Ortega, Burgos, Villalcázar de Sirga, Carrión de los Condes, Astorga, Ponferrada e León e do Musseo Guggenheim de Bilbao no marco do seu programa TopARTE. Pola súa banda, o Certamen Internacional de Coreografía Burgos & Nueva York conta co patrocinio do Instituto Municipal de Cultura y Turismo del Ayuntamiento de Burgos, da Junta de Castilla y León e o Ministerio de Cultura y Deporte.

 

Comparte