Nova: O Museo Massó abre o seu XX aniversario cunha exposición que inclúe varias pezas dos seus fondos sobre cartografía marítima histórica

08/07/2022

O Museo Massó abre o seu XX aniversario cunha exposición que inclúe varias pezas dos seus fondos sobre cartografía marítima histórica

Percorre a lenda da Traslatio do Apóstolo e inclúe, ademais, cartas de navegación por outros territorios como o Mediterráneo, a Península Arábiga e o Golfo Pérsico

“O museo soubo recoller á perfección o testemuño da conserveira Massó e o reto é seguir ampliando ese papel referente de cara ao futuro”, expresa Román Rodríguez

Recorda que está en fase de licitación a redacción o proxecto de ampliación do museo por máis de 1,1M€ que a partir de 2023 suporá “un novo punto de inflexión na súa historia ao incorporar novos espazos e novas funcionalidades”
 

Bueu (Pontevedra), 8 de xullo de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a exposición Camiño de papel e de estrelas coa que o Museo Massó abre as actividades do seu XX aniversario. Nela comparte co público varias pezas dos seus fondos sobre cartografía marítima histórica.

 

O titular de Cultura da Xunta referiuse á positiva evolución do museo nos últimos 20 anos ata converterse “nun referente cultural da comarca coa imprescindible colaboración da familia Massó”. “Sen dúbida a conserveira Massó xogou un papel definitivo no desenvolvemento económico e social que experimentou o Morrazo no século pasado e este museo soubo recoller o testemuño daquel tempo”, engadiu.

 

Salientou o importante papel divulgador que adquiriu o museo nestes anos, así como o valor dos seus fondos, moitos deles expostos nesta nova mostra. “O reto é seguir reforzando e ampliando o seu papel referencial neste XX aniversario e de cara ao futuro”, engadiu. Neste sentido, referiuse a unha das accións máis inmediatas, o proxecto de ampliación do centro por un máis de 1,1M€ que, como indicou, se atopa en fase de licitación de redacción do proxecto con vistas a que a iniciativa sexa unha realidade en 2023.

 

Posta en valor

Suporá incorporar todas as naves do antigo complexo conserveiro Massó Hermanos no funcionamento do museo, “un novo punto de inflexión na súa historia ao dotalo dunha maior funcionalidade e ampliar espazos”. Esta actuación súmase á mellora e acondicionamento das cubertas do museo realizadas en 2021 ou á creación dunha nova sala de interpretación no Concello de Bueu para a posta en valor do pasado romano da vila a través dun acordo co Goberno local e que está previsto que remate o vindeiro ano.  

 

Actividades do aniversario

A mostra, comisariada pola directora do museo, Covadonga López de Prado, realiza un percorrido cartográfico pola ruta marítima da lenda da Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago. Navégase sobre os mapas e, con axuda dos libros, traza un camiño de papel e atrácase nalgúns dos portos que xurdiron ao longo do roteiro. Estará exposta ata finais de ano e inclúe tamén documentos e cartas de navegación por outros territorios como o Mediterráneo, a Península Arábiga e o Golfo Pérsico.

 

A programación do aniversario do Museo inclúe outras actividades como un ciclo de conferencias, unha presentación multimedia ou unha visita-conferencia sobre a vinculación de Lugrís a este centro.

Comparte