Nova: Anxo M. Lorenzo salienta que os 19 proxectos aspirantes ao PERTE cultural deseñados por Xunta e sector avalan o seu peso na economía

05/07/2022

Anxo M. Lorenzo salienta que os 19 proxectos aspirantes ao PERTE cultural deseñados por Xunta e sector avalan o seu peso na economía

“Un PERTE para a cultura é imprescindible para acompañar a transformación dixital, reforzar a creación e internacionalizar o sector”, expresa

O orzamento global destas iniciativas, próximo aos 400 M€, acreditan a necesidade de contar cun apoio específico europeo, cuxa petición ao Goberno central se oficializará este mes de xullo

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe a calidade e o carácter estratéxico dos 19 proxectos vinculados co patrimonio, as artes escénicas, os museos, as industrias creativas, a música ou o audiovisual resultado do proceso participativo iniciado este ano entre a Xunta e o sector. Trátase de iniciativas susceptibles de optar a fondos europeos e nos que a Xunta se sustenta para demandar ao Goberno central un PERTE cultural que recoñeza a importancia deste sector na economía.

Nunha comparecencia a petición propia no Parlamento, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a importancia deste proceso “que cumpriu sobradamente os nosos obxectivos e trouxo consigo un interesante intercambio de ideas coas principais demandas do sector cultural”, indicou. Referiuse, ademais, ao feito ao que estas propostas afondan na mellora da competitividade, na sustentabilidade, na transformación dixital e na internacionalización da cultura.

Recordou que participaron máis de 100 entidades que realizaron 82 achegas entre asociacións, universidades, museos, fundacións, editoriais e empresas privadas. De todos eles, a maior parte, un total de 71, foron propostas que serven para enriquecer, mellorar e completar oito iniciativas que xa foran esbozadas por parte da Xunta. O resto, un total de 11, son proxectos novos que se incorporan. Todos eles, un total de 19, contan cun orzamento global próximo aos 400 M€.

“Un PERTE da cultura é imprescindible porque xa se están levando a cabo con fondos europeos noutros eidos e deben chegar tamén á cultura para recoñecer o seu papel na economía. Así o imos demandar este mes de xullo ao Goberno central, cando enviemos todas estas propostas”, expresa.

As iniciativas céntranse entre outros aspectos, na difusión da cultura popular, a dixitalización da cultura galega cunha plataforma online que reúna, preserve e investigue toda a documentación relativa ás artes escénicas de Galicia; para a mellora de bens singulares do patrimonio e recuperación do patrimonio arqueolóxico, así como para impulsar a transición dixital dos recursos do Camiño de Santiago. Tamén para potenciar a innovación nos museos ou para garantir a presenza da lingua nos novos desenvolvemento tecnolóxicos.

Por iniciativa das distintas entidades culturais, tamén xurdiron proxectos como a creación dunha estratexia de documentación e innovación sobre as prácticas artesanais e oficios tradicionais, a posta en marcha dunha libraría de sons e ritmos tradicionais galegos ou un proxecto para crear residencias comarcais para o fomento das artes escénicas no rural galego. Tamén proxectos para estudar o impacto dos estímulos musicais en enfermidades para desenvolver un programa de intervención musical en centros sanitarios ou sociosanitarios, iniciativas para reconstruír casas reitorais e mosteiros para uso multifuncional con comunidades autoxestionadas ou un proxecto para difundir o barroco galego dun xeito completo e plenamente documentado, entre outras propostas.

“Se o Goberno central se nega e non conseguimos fondos europeos ou descentralizar este reparto, desde Galicia teremos en conta todo este traballo realizado que actualiza o mapa de necesidades da cultura galega e é unha ferramenta clave para a folla de ruta da cultura galega no futuro”, expresou.

Comparte