Nova: A Xunta e Fundación Repsol convocan a XVI edición do premio narrativa breve para fomentar a creación literaria en lingua galega

22/06/2022

A Xunta e Fundación Repsol convocan a XVI edición do premio narrativa breve para fomentar a creación literaria en lingua galega

O obxectivo desta iniciativa é impulsar a creación de literatura en galego e promover o uso social da lingua galega, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística
A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia
 

 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá xunto á Fundación Repsol na presentación da XVI convocatoria do Premio Narrativa Breve en lingua galega, co que se busca promover a creación literaria en lingua galega.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades definiu esta edición como “unha vía de promoción para que escritores e escritoras en galego poidan seguir creando e amosando o seu talento na nosa lingua, achegándose a todos os lectores e lectoras” sendo, pois, “un certame xa consolidado desde fai anos e de referencia no panorama das letras galegas”.

 

Mercedes Gómez Badiola, xerente da Área Institucional de Fundación Repsol, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, tamén interviron para anunciar o lanzamento desta XVI edición do premio tras a renovación do convenio de colaboración que manteñen desde o ano 2006.

Neste encontro, que tivo lugar na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, fíxose tamén entrega de 21 exemplares dunha das edicións galardoados ao director da biblioteca, Jesús Torres. O obxectivo é que pasen a formar parte do catálogo do Club de lectura de Galicia, xestionado pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, para que poidan desfrutar da lectura e calidade das obras premiadas ao longo das edicións, así como do talento dos seus autores que son os verdadeiros artífices do galardón.

Características da XVI edición

A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia. As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. Unha vez pechado o prazo, un xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Estará conformado por cinco membros, que representarán á Fundación Repsol, á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia. As bases desta última convocatoria están dispoñibles nas webs fundacionrepsol.com e acoruna.repsol.es.

 

Contando historias desde 2006

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Xunta de Galicia para fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, e a estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande conseguiu este galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e xornalista, conseguiu un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi Así nacen as baleas, da escritora Ángeles Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón por A verdade como mal menor.

Na edición 2010 o premio foi para o escritor Xurxo Sierra por Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011. En 2012, o galardón foi para A forma dás nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a novela curta gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. No 2014 Santiago Lopo conseguiu o premio con A Diagonal dos Tolos e no 2015 a novela galardoada foi Fontán do vigués, Marcos Calveiro. Daniel Asorey converteuse no gañador en 2016 con Nordés. O xornalista, escritor e profesor Xosé A. Neira Cruz obtivo o galardón por O sono das sereas no 2017 e o monfortino Antón Lopo gañou no 2018 pola súa obra Extraordinario.

Nas edicións de 2019 e 2020 foron galardoados dous novos escritores galegos: Gonzalo Hermo pola súa obra Diario dun enterro e Berta Dávila converteuse por segunda vez en gañadora deste galardón coa súa novela breve Illa Decepción. O ano pasado, a novela Eternity do escritor Xosé Monteagudo foi a obra elixida polo xurado para obter o premio da última edición. O certame conta desde o seu nacemento coa participación de máis de 450 obras orixinais de escritores galegos.

Comparte