Nova: A Xunta convoca os Premios da Cultura Galega en 2022

18/06/2022

A Xunta convoca os Premios da Cultura Galega en 2022

Os galardóns recoñecen o labor creativo e a súa expansión cara novos espazos nos campos das Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior

As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada modalidade dispoñen de dous meses para presentar as candidaturas
 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2022.- A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios da Cultura Galega 2022 en todas as súas modalidades, uns galardóns que teñen por obxecto recoñecer o labor creativo en Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos.

 

As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas dispoñen de dous meses para presentar as candidaturas, tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deben presentarse antes do 9 de agosto por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e á mesma engadiráselle os méritos das candidaturas cunha xustificación descritiva.

 

O xurado que valorará as propostas estará presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e contará con representación do Consello da Cultura Galega, das universidades, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Xunta de Galicia, a través das áreas de Cultura e Igualdade, e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas polo Goberno galego.

 

En cada unha das modalidades, os Premios da Cultura Galega concederán un único galardón e non poderá recaer máis dun recoñecemento na mesma persoa. As persoas propostas como candidatas teñen que estar vivas e os colectivos e entidades deben ter actividade na data de formalización da candidatura. Os seleccionados recibirán como premio unha escultura ou peza conmemorativa realizada por un artista galego de acreditado prestixio e un diploma acreditativo.

 

Recoñecemento á excelencia creativa

Os Premios da Cultura Galega recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.  Na pasada edición, os galardoados foron o narrador e articulista Bernardino Graña, na modalidade de Letras; a pianista Natalia Lamas, na de Música; a compañía Nova Galega de Danza, na categoría de Artes Escénicas; a directora e produtora cinematográfica Zaza Ceballos, no eido Audiovisual; o artista Antón Pulido, en Artes Visuais; o programa Dígocho eu! na modalidade de Lingua; a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, na categoría de Proxección Exterior, e o mosteiro de San Pedro de Rocas en Patrimonio Cultural.

 

Comparte