Nova: A programación da Xunta no centenario de Luz Pozo Garza suma máis dunha decena de actividades expositivas, musicais e editoriais ata finais de ano

24/05/2022

A programación da Xunta no centenario de Luz Pozo Garza suma máis dunha decena de actividades expositivas, musicais e editoriais ata finais de ano

O eixo central será a mostra ‘Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022)’ que se inaugura o 9 de xuño con pezas persoais da autora, ao redor da que se farán unhas xornadas académicas e se editará un catálogo que documente o resultado

Unha formación vinculada á Orquestra Sinfónica de Galicia musicará o seu libro ‘Sol de Medianoite’ para mezzosoprano e orquestra de corda nun concerto na Cidade da Cultura coincidindo coa data exacta do centenario, o 21 de xullo

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2022 A programación da Xunta no centenario de Luz Pozo Garza sumará máis dunha decena de actividades entre exposicións, un espectáculo musical sobre unha das súas obras, actividades académicas ou iniciativas no eido editorial. Así o anunciaron hoxe os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo M. Lorenzo e Valentín García no acto de presentación da efeméride que se conmemora este ano.

 

Como explicaron, un dos eixos centrais será a exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022). Poesía, arte e vida, coa que a Xunta arrancará a programación o vindeiro 9 de xuño e dará cumprimento ao desexo expreso da propia autora que, en maio de 2016 fixo unha doazón da súa biblioteca e arquivo á Biblioteca de Galicia e ao Arquivo de Galicia. A estes fondos sumaranse achegas de diversas persoas próximas á autora, doutras bibliotecas e arquivos, así como a documentación audiovisual sobre a súa figura. Está comisariada por Olivia Rodríguez e estruturada en 10 áreas temáticas a través das que se fai un percorrido pola súa vida, obra e contribución á cultura e pensamento. Poderá verse na Biblioteca de Galicia desde ata o 17 de outubro.

 

“Luz Pozo Garza foi unha das poetas fundamentais da poesía galega, que deixou unha enorme pegada na cultura galega. Temos o compromiso de conservar e, sobre todo, divulgar o seu legado con propostas abertas a todos os públicos, que sexan orixinais e capaces de involucrar á sociedade”, expresou Anxo M. Lorenzo. Pola súa banda, Valentín García recordou que a poesía de Luz Pozo Garza percorre o século XX e “adquire alcance e proxección universais ao tempo que se afianza no seu compromiso con Galicia e coa súa lingua”. É por isto que, como indicou, outra das actividades a vai levar a cabo o Centro Ramón Piñeiro, que publicará a edición facsimilar da revista Mensajes de Poesía, dirixida no seu tempo por Eduardo Moreira coa participación decisiva de Luz Pozo Garza coa autoría dos investigadores Luis Alonso Girgado, Armando Requeixo, Tamara Andrés e Manuel Naveira.

 

Trátase dunha das publicacións máis importantes da Galicia da posguerra que se recuperará agora nesta edición especial e na que no seu día escribiron grandes voces da poesía como Vicente Aleixandre, Álvaro Cunqueiro, Carmen Conde, Pura Vázquez, Ánxelo Fole ou Blas de Otero, entre outros.

 

Actividades paralelas

A programación en homenaxe a Pozo Garza completarase con distintas actividades paralelas, entre as que destacan tamén as xornadas Constelación Luz. Desenvolveranse na Cidade da Cultura e incluirán conferencias e mesas redondas coa participación de distintos expertos na vida e obra da autora. Tamén se publicará un catálogo que documentará o resultado da exposición central coa participación de Carmen Blanco, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Antonio Deaño Gamallo, Víctos F. Freixanes, Pilar García Negro, Aurora López, Olga Novo, María Novo, Manuela Palacios González, Andrés Pociña, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Olivia Rodríguez González, Mónica Vázquez Porto e Darío Villanueva.

 

Ademais, coincidindo coa data exacta do nacemento de Luz Pozo Garza, o 21 de xullo, terá lugar un concerto musical e literario Sol de Medianoite. Celebrarase no Auditorio Fontán da Cidade de Cultura e correrá a cargo dun elenco musical vinculado á Orquestra Sinfónica de Galicia, integrado exclusivamente por instrumentos de corda. Serán 12 cancións sobre o libro homónimo da autora para mezzosoprano e orquetra con lectura de extractos do texto orixinal. As homenaxes terán tamén unha pegada no eido audiovisual. Presentarase e proxectarase o documental Na procura da luz, realizado pola fotógrafa Rosa Taboada cun percorrido pola súa vida e obra e incorpora testemuños de persoas próximas a ela.

Poeta referente

Con estas iniciativas, homenaxéase a Luz Pozo Garza, poeta que iniciou o seu labor editorial en Nordés, revista de poesía e crítica da que foi directora. Formou parte da Real Academia Galega (RAG) como membro numerario desde 1996 e tamén foi membro do Centro PEN de Galicia. Os premios Tomás Barros de ensaio, González Garcés e Letras de Bretaña, así como o da Crítica Española e a Medalla Castelao son algunhas das distincións coas que foi recoñecida a súa traxectoria literaria.

Comparte