Nova: A Xunta espallará os Concertos do Xacobeo por toda Galicia con 300 artistas de primeiro nivel para celebrar un Ano Santo extraordinario

30/04/2022

A Xunta espallará os Concertos do Xacobeo por toda Galicia con 300 artistas de primeiro nivel para celebrar un Ano Santo extraordinario

A programación de “Concertos do Xacobeo” inclúe 70 eventos musicais nas catro provincias galegas durante sete meses, con actuacións de diferentes estilos que percorrerán vilas e cidades nun espectáculo descentralizado que chegará a todos os recunchos de Galicia
 
Actuarán artistas como Rosalía, Luis Fonsi, Marc Anthony, C. Tangana, Imagine Dragons, Muse, Hombres G, Bunbury, Rozalén ou Placebo, así como figuras do panorama nacional como Beret, M-Clan, Taburete, Los Secretos, Coque Malla, Víctor Manuel ou Miguel Ríos, e o mellor da música galega, con nomes como Iván Ferreiro, Xoel López, Tanxugueiras ou Roi Casal
 
Figuras recoñecidas de proxección nacional e internacional participarán tamén da man do Xacobeo en festivais como Atlantic Fest, Resurrection Fest, O Son do Camiño, Portamérica ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, entre outros

O vicepresidente primeiro en funcións, Alfonso Rueda, que presentou a programación acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, subliñou que o evento musical será “a memoria colectiva que deixará pegada entre todos os que participen nun Xacobeo histórico”

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, vén de presentar a programación de Concertos do Xacobeo, un evento que espallará música e espectáculo por toda Galicia con 300 artistas de primeiro nivel que chegarán a todos os recunchos da comunidade para celebrar un Ano Santo extraordinario.

No acto que tivo lugar na Cidade da Cultura, Alfonso Rueda estivo acompañado, entre outros, polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez; ademais de polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. Presentado polo actor Luís Iglesia, a presentación contou tamén coa actuación musical de Andrés Suárez.

A Xunta de Galicia deseñou un espectáculo descentralizado que quere dar protagonismo ao carácter global dun evento internacional como é o Xacobeo que se espalla por todos os recunchos de Galicia. Así, perante sete meses, vilas e cidades de toda a comunidade desfrutarán dunha oferta musical que terá un importante retorno económico nos lugares nos que se celebran os eventos musicais e que reforzará a sona internacional que o Ano Santo dá a Galicia.

A programación de Concertos do Xacobeo inclúe 70 eventos musicais nas catro provincias galegas con actuacións de diferentes estilos e para todos os públicos. Actuarán artistas como Rosalía, Luis Fonsi, Marc Anthony, Imagine Dragons, C. Tangana, Hombres G, Bunbury, Rozalén ou Placebo, e haberá figuras do panorama nacional como Beret, M-Clan, Taburete, Los Secretos, Coque Malla, Víctor Manuel ou Miguel Ríos, ademais do mellor da música galega, con Iván Ferreiro, Xoel López, Tanxugueiras ou Roi Casal. Tamén o fará a banda de rock británica Muse, aínda que o lugar do concerto está aínda por determinar.

Outras moitas figuras do panorama galego, nacional e internacional, ata sumar 300 artistas, participarán tamén en recoñecidos festivais que se van celebrar este ano da man do Xacobeo, como Atlantic Fest, Resurrection Fest, O Son do Camiño, Portamérica ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, entre outros.

Os interesados poderán consultar a programación a partir de hoxe na páxina web concertosdoxacobeo.gal, que se irá actualizando periodicamente. Tamén poderán facelo nas distintas páxinas web e redes dos festivais e ciclos dos concertos previstos.

O vicepresidente primeiro en funcións destacou na presentación do programa que o evento musical será “a memoria colectiva que deixará pegada entre todos os que participen nun Xacobeo histórico”. Alfonso Rueda recordou que neste Ano Santo no que Galicia recupera a ilusión trala pandemia estase a rexistrar un récord de peregrinos aos que invitou a sumarse á oferta cultural, lúdica e musical programada para un evento de transcendencia universal. “Temos un cartel á altura do que Galicia merece, un cartel que espallaremos polos Camiños para recibir a turistas e peregrinos co afecto e a hospitalidade que sempre nos caracteriza”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, referiuse á ilusión e simbolismo que supón recobrar as grandes celebracións culturais que durante os últimos anos identificaron o Xacobeo. Salientou, ademais, o “enorme revulsivo” que estes concertos suporán para todos os profesionais da cultura e, por extensión do conxunto da economía galega, que esperan que o Ano Santo sexa un “verdadeiro dinamizador e un multiplicador tanto da actividade como do consumo cultural”.

Comparte