Nova: A Xunta achega 210.000 euros en axudas para a organización de 11 festivais audiovisuais

29/04/2022

A Xunta achega 210.000 euros en axudas para a organización de 11 festivais audiovisuais

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, anunciou a adxudicación desta convocatoria na presentación do XVIII Play-Doc de Tui, que é un dos certames beneficiarios, con máis de 38.000 euros

Tamén se apoian as mostras (S8) e Intersección da Coruña, Curtocircuíto e MICE de Santiago, Festival de Cans do Porriño, Carballo Interplay, FIC de Bueu, Novos Cinemas de Pontevedra, e Festival de Cine Inclusivo e Galician Freaky Film Festival de Vigo

Esta liña incrementou nun 5% a súa dotación respecto ao pasado ano para contribuír ao financiamento de certames organizados de xeito profesional e considerados estratéxicos para o sector

Tui (Pontevedra), 29 de abril de 2022 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, participou este mediodía na presentación en Tui do XVIII Festival Internacional de Documentais Play-Doc, onde anunciou a publicación hoxe mesmo da resolución de adxudicación da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais de 2022, que distribúe 210.000 euros entre 11 certames de toda Galicia.

 

Un dos beneficiarios é precisamente o Play-Doc de Tui, que celebra a súa décimo oitava edición do 4 ao 8 de maio, para a que conta cunha axuda de 38.473 euros a través da liña de apoio coa que o Goberno galego contribúe anualmente á organización con carácter profesional de mostras que son consideradas estratéxicas para o sector.

 

Xunto co evento tudense, tamén son adxudicatarios da convocatoria deste ano (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (40.000 euros), Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela (32.688 euros), Festival de Cans de Curtametraxes, no Porriño (31.000 euros), Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (17.201 euros), Festival Carballo Interplay (16.678 euros), Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, na Coruña (11.411 euros), Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra (8772 euros), MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela (8594 euros), Festival de Cine Inclusivo, en Vigo (3093 euros) e Galician Freaky Film Festival, tamén en Vigo (2087 euros).

 

Tendencia á alza

A dotación da convocatoria para 2022, que se resolveu en réxime de concorrencia competitiva, supón un incremento do 5% respecto a 2021, co que se mantén a tendencia á alza desde a creación en 2015 desta liña de apoio, tal que como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

 

Sutil acompañou hoxe á organización do Play-Doc no anuncio da programación completa desta edición, no que tamén interviñeron os representantes doutras das entidades colaboradoras. Na súa intervención, fixo fincapé na especialización e nos valores singulares sobre os que se asenta cada unha das mostras subvencionadas pola Xunta.

 

No caso do Play-Doc, destacou que “combina de xeito maxistral esa mirada ao último e máis interesante da produción internacional no xénero documental, ao tempo que lle dedica un completo apartado á creación galega e serve de encontro para a formación e o intercambio profesional”.

 

Este ano, o festival ofrecerá unha ampla selección da produción galega máis recente, con 14 títulos de cineastas de recoñecido prestixio internacional e tamén de novos nomes. Entre eles, os últimos traballos, en estrea oficial en Galicia, de Lois Patiño (O sembrador de estrelas), Diana Toucedo (Tatuado nos ollos levamos o pouso), Carla Andrade (Ningún río me protexe de min), Andrés Goteira (Welcome to ma maison), Lucía Estévez (O niño dos paxaros), David Varela (Un ceo impasible), Nerea Barros (Memoria) ou David Vázquez (O último de Arganeo).

 

Tamén se poderán ver as fitas máis recentes de Oliver Laxe, Enar de Dios e Simone G. Saibene, así como O que queda, de Alejandro Rodríguez, e O ceo é azul cunha soa nube, de Fernando Areal, que terán en Play-Doc a súa estrea mundial. Fóra de competición, Play-Doc proxectará na súa sesión inaugural con Sycorax, de Lois Patiño e Matias Piñeiro, que chega a Galicia despois da súa estrea na Quincena de Realizadores do Festival Internacional de Cinema de Cannes.

 

Retrospectivas inéditas

Esta décimo oitava edición ofrecerá tamén catro retrospectivas inéditas en España de Helke Misselwitz, Danny Lyon, Richard P. Rogers e do cineasta portugués Antonio Campos, esta última en colaboración co Filmoteca de Galicia e a Cinemateca Portuguesa-Museu do Cinema. Ademais, o nortamericano Bruce Weber volve elixir a cita tudense para a estrea española da súa película máis recente, The Treasure of His Youth: The Photographs of Paolo Di Paolo.

 

Como en anos anteriores, o programa inclúe, así mesmo, as competicións internacionais de longametraxes e curtas, xunto cunha nova entrega da sección Cinema Percorrido, desta volta dedicada á danza, e outra serie de actividades complementarias como mesas en liña ou os concertos de Niño de Elche e a banda galega NACHO · FAIA · LAR.

Comparte