Nova: O certame ‘Mondoñedo é poesía’ chega á súa oitava edición co apoio da Xunta

27/04/2022

O certame ‘Mondoñedo é poesía’ chega á súa oitava edición co apoio da Xunta

A convocatoria contará desde o 1 de maio con distintas actividades propostas para fomentar a poesía na lingua galega nesta vila

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2022 .-O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu esta tarde á presentación da oitava edición de Mondoñedo é poesía no Pazo de San Roque.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou que Mondoñedo é “certamente, terra fértil en poetas en lingua galega” e gabou a iniciativa de “exportar ao resto da Comunidade e alentar a produción literaria no idioma propio de Galicia desde este concello cuxa identidade vén en boa medida marcada pola literatura e por figuras como Álvaro Cunqueiro”.

 

No acto tamén interviron Elena Candia, primeira tenente de alcalde de Mondoñedo, e Antonio Reigosa, cronista e coordinador da edición.

 

Os amantes do verso poderán gozar desde o vindeiro domingo 1 de maio das distintas actividades propostas para a ocasión no concello de Mondoñedo. Trátase dunha das accións enmarcadas dentro da programación das Feiras e Festas das Quendas.

 

Nesta edición 2022, na sección Nova Poesía, participarán os tres gañadores do premio Díaz Jácome 2021: Adrián A. Vázquez, Adrián Maceda e Branca Trigo. A seguir, os nenos do colexio CEIP Álvaro Cunqueiro tomarán parte do I Recital de Poesía Infantil, coordinados pola Asociación Tanque de Zinc. Ambos os encontros serán na rúa.

 

No Auditorio Pascual Veiga recitarán os seus versos Miguel Anxo Fernán Vello, poeta, dramaturgo, editor e Premio Nacional da Crítica Española 1985 e 2005; Olga Novo, poeta, ensaísta, profesora e Premio Nacional de Poesía 2020, e Xuan Bello, poeta, narrador, tradutor, ensaísta e Premio Nacional de Literatura Asturiana 2017.

 

O grupo musical galego-catalán Gelria ofrecerá para rematar o concerto Cantos de poeta no mesmo auditorio.

Comparte