Nova: A Xunta e o Concello da Coruña anuncian o concerto de Rosalía o 29 de xullo no marco da programación do Xacobeo 21-22

18/04/2022

A Xunta e o Concello da Coruña anuncian o concerto de Rosalía o 29 de xullo no marco da programación do Xacobeo 21-22

 

 

    O concerto, que terá lugar no Coliseum, será a única parada galega da xira mundial da cantante na presentación do seu novo traballo

    Trátase da primeira confirmación oficial do cartel dos Concertos do Xacobeo, cos que o Goberno galego aposta pola promoción do Ano Santo a través de eventos musicais

 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022.- A Coruña será unha das paradas da xira mundial de presentación do novo traballo da cantante Rosalía, “Motomami”, que se celebrará no Coliseum o 29 de xullo grazas ao patrocinio conxunto do Concello, a través do Consorcio de Turismo, e da Xunta, a través do Xacobeo. Será a única ocasión para escoitar á cantante en terras galegas e será no marco da programación do Xacobeo 21-22, o que permitirá tamén que a cidade herculina entre no circuíto das mellores xiras internacionais.

Este concerto conta así co cofinanciamento da Xunta de Galicia co obxectivo de promover a celebración deste Ano Santo excepcional. De feito, trátase da primeira confirmación do  cartel dos Concertos do Xacobeo, a través dos que o Goberno galego está a apostar pola celebración de eventos musicais que permitan situar a Galicia no imaxinario colectivo, especialmente no ámbito internacional, promocionando o Camiño e Galicia entre peregrinos e visitantes. 

A artista catalá é na actualidade unha das cantantes españolas máis premiadas e recoñecidas do mundo e o seu novo disco ”Motomami” xa bateu récords con 5,79 millóns de streams nas primeiras 24 horas do seu lanzamento.

Comparte