Nova: A Xunta renova as súas axudas a concellos e entidades sen fin de lucro para apoiar programacións culturais de carácter afeccionado

09/04/2022

A Xunta renova as súas axudas a concellos e entidades sen fin de lucro para apoiar programacións culturais de carácter afeccionado

Últimos días para participar na convocatoria anual que conta cun investimento de 50.000 euros, da que o ano pasado se beneficiaron unha ducia de iniciativas

Enmárcase no traballo do Goberno autonómico por apoiar o talento e contribuír a diversificar e descentralizar a actividade cultural por todo o territorio galego

 

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2022. A Xunta de Galicia volve convocar un ano máis os seus apoios a concellos e entidades sen fin de lucro para que celebren programacións culturais de carácter afeccionado, das que na anterior convocatoria se beneficiaron unha ducia de iniciativas.
Os interesados poden aínda presentar a súa solicitude ata o vindeiro luns 11 de abril seguindo a convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un total de 50.000 euros. Valórase que se trate de espectáculos abertos á cidadanía e a cargo de profesionais galegos. Ao abeiro destas liñas de axuda, apóianse propostas que teñan unha duración mínima de dous días consecutivos e un máximo de seis, e que como mínimo destinen un 30% do total das actuacións a cargo de grupos e ou compañías galegas. Entre outros requisitos, as actividades deberán ser gratuítas para o público.
As axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e a axuda máxima por beneficiario é de 6.000 euros. Poderá ascender a 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dun concello.
Esta convocatoria enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por impulsar e apoiar unha programación diversificada e plural, así como distribuída pola xeografía galega. Contribúese á promoción e cooperación e á difusión e animación sociocultural ao tempo que se fomenta o talento. O ano pasado foron beneficiarias unha ducia de iniciativas, das que seis están promovidas por entidades sen ánimo de lucro e sete a cargo de concellos.
 

Comparte