Nova: Restauración das pinturas murais de San Antoniño de Toques

13/02/2015

Restauración das pinturas murais de San Antoniño de Toques

A Xunta de Galicia leva investidos ao longo dos anos máis de 162.000 euros na conservación deste templo

Esta iniciativa supón unha actividade en prol da dinamización da actividade turística e económica no rural de Galicia

  • San Antoniño de Toques, pintura mural restaurada San Antoniño de Toques, pintura mural restaurada

Toques (A Coruña), 13 de febreiro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, comprobou hoxe o resultado das obras realizadas polo seu departamento para a restauración das pinturas murais da igrexa de San Antoniño de Toques. Segundo salientou, a intervención supuxo un investimento total de 73.163 euros en dúas fases, o que pon de manifesto o intenso labor que a Xunta de Galicia está a desenvolver para a conservación do patrimonio cultural galego, neste caso concreto ademais nunha das rutas xacobeas, o Camiño Primitivo. Así mesmo Rodríguez González subliñou que se trata dunha acción en prol da dinamización da actividade turística e económica no rural de Galicia. Durante a súa visita o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Toques, José Antonio Castro.

As pinturas murais foron obxecto dunha primeira fase de restauración no ano 2009 na que se levaron a cabo traballos de recollida de bordes, a consolidación do soporte e os tratamentos biocidas. A segunda fase, desenvolvida entre os meses de xullo e decembro de 2014, centrouse fundamentalmente na eliminación de morteiros e concrecións alleos á pintura, na limpeza da superficie e na aplicación de tratamentos contra o biodeterioro.

Así mesmo realizáronse tarefas de fixación e reintegración da policromía, co fin de favorecer a interpretación histórico-artística de toda a superficie mural, que se presume de diferentes épocas históricas. De feito esta segunda fase permitiu resituar o calvario desta igrexa dentro do conxunto da pintura mural, considerando que as pinturas se realizaran orixinalmente para albergar o calvario gótico da igrexa. Asemade a Consellería de Cultura e Educación ten realizado melloras no altar, así como a substitución dos vidros dos muros norte, sur e do arco triunfal.

Declarada Ben de Interese Cultural en 1994, a igrexa de San Antoniño de Toques foi obxecto de diferentes intervencións de restauración e conservación por parte da Xunta de Galicia desde finais dos anos 80, que supuxeron un investimento total de máis de 162.000 euros.