Nova: O calendario do libro e da lectura de Galicia incorpora seis novas conmemoracións en 2022

22/01/2022

O calendario do libro e da lectura de Galicia incorpora seis novas conmemoracións en 2022

Súmanse os días 21 de xullo e 21 de novembro, nos que se conmemorarán os centenarios dos nacementos de Luz Pozo Garza e María Casares, respectivamente

Inclúense efemérides relacionadas especialmente co acceso da cidadanía á información, tendo en conta o papel fundamental das bibliotecas neste eido

A Xunta leva meses traballando nas conmemoracións das Letras Galegas, dedicadas a Florencio Delgado, e do Día das Artes Galegas, centrado en Laxeiro

 

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2022.- O Calendario do Libro e da Lectura de Galicia incorpora este ano 2022 seis novas conmemoracións, ampliando a unha trintena o número efemérides incluídas. O obxectivo da Xunta de Galicia coa publicación deste documento é impulsar a realización de actividades arredor das principais datas vencelladas a este ámbito e facilitar a planificación anual das actividades culturais.

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salienta que entre as novas datas recollidas nel destacan os días 21 de xullo e 21 de novembro, nos que se conmemorarán os centenarios dos nacementos de Luz Pozo Garza e María Casares, respectivamente.

A este respecto, sinalou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está xa a preparar unha ampla oferta de actividades para celebrar estas dúas efemérides, así como a homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, a quen a Real Academia Galega (RAG) dedica este ano o Día das Letras Galegas. Así mesmo, o Goberno galego leva meses traballando na conmemoración do Día das Artes Galegas, promovido pola Real Academia Galega de Bela Artes (RAGBA) que este ano se dedica a Laxeiro.

As restantes catro novas citas no calendario serán o 3 de maio, Día da liberdade de prensa; o 21 de maio, Día da diversidade cultural; o 28 de setembro, Día do dereito de acceso universal á información, e o 24 de outubro, no que se conmemorará a semana da alfabetización mediática e informacional.

“A incorporación destas datas –explica o representante do Goberno galego– dá boa conta do crecente papel das bibliotecas galegas como espazos nos que se accede a información en diferentes formatos e, moi especialmente, da súa implicación no achegamento da cidadanía aos medios de comunicación actuais”.

 

Programación mensual

As bibliotecas galegas xa conmemoraron o pasado día 11 o Día do usuario con diversas actividades e están a programar xa as relativas ao Día da ilustración, que se celebra o vindeiro 30 de xaneiro coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao.

No mes de febreiro será a quenda do Día da lingua materna (21 de febreiro) e do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, que tras a recente investigación sobre a data de nacemento da autora, pasa ao 23 de febreiro.

No mes de marzo comparten protagonismo o Día da narración oral o 20, o Día da poesía o 21 e o Día do teatro o 27. No mes de abril, ademais do Día das Artes Galegas, os días 2 e 23 conmemóranse o Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro, respectivamente. Así mesmo, o día 26 celebrarase o Día da Propiedade Intelectual.

Maio, ademais do das Letras Galegas, será o mes no que se celebrará o Día da Banda Deseñada (o 1), o da liberdade de prensa (o 3), o Día dos Museos (o 18) e o da diversidade cultural (o 21). O día 9 de xuño recordarase a importancia dos arquivos coa celebración do seu día.

Ademais do centenario de Luz Pozo Garza, en xullo, ten lugar o Día da Comprensión Lectora (o 26) . Xa en setembro, celebrarase o 8 o Día da alfabetización, o 26 o Día Europeo das Linguas, o 28 o Día do dereito de acceso universal á información e o 30 o Día da Tradución. O 15 de outubro será o Día das escritoras e o 24 tanto o Día das Bibliotecas como a semana da alfabetización mediática e informacional.

Novembro estará, pola súa banda, cargado de actividades coa celebración do Mes da ciencia en galego nas bibliotecas, o día do lector, o 3, coincidindo co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas e o Día das librarías, o 12. O mes completarase co centenario de María Casares, o 21. Pecha este calendario o Día da Edición e o nacemento de Ánxel Casal o día 17 de decembro.

Comparte