Nova: A mostra da Xunta ‘Percorrer o tempo’ leva a Ourense a mirada de destacados artistas visuais e audiovisuais sobre o camiño

14/01/2022

A mostra da Xunta ‘Percorrer o tempo’ leva a Ourense a mirada de destacados artistas visuais e audiovisuais sobre o camiño

O secretario xeral de Cultura participou hoxe na apertura da exposición itinerante, que permanecerá ata marzo na Praza Bispo Cesáreo con contedores de barco como salas de exhibición

Participan profesionais de percorrido nacional e internacional, entre os que figuran un Premio Nacional de fotografía e varios membros da Axencia Magnum, así como o ourensán Iván Nespereira

Ourense, 14 de xaneiro de 2022.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Ourense na inauguración da exposición itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, na tamén interviñeron a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, e a responsable territorial da Fundación “la Caixa”, Susan Santos. A través de contedores de barco convertidos en salas de exhibición, a mostra achega diversas perspectivas das rutas xacobeas a través da ollada de dez artistas de primeiro nivel do eido visual e audiovisual, tanto emerxentes como consolidados. Así, figuran profesionais como a presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, a Premio Nacional de Fotografía Cristina de Middel ou o ourensán Iván Nespereira.

No acto de apertura, que contou coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, Anxo M. Lorenzo convidou a cidadanía a achegarse a esta exposición, que ofrece un “enfoque poliédrico e contemporáneo do Camiño” ademais dunha “concepción ampla do propio feito de camiñar, desde o percorrido do territorio ata a peregrinación”. Referiuse tamén ao grupo “diverso e paritario que conforman os artistas, dunha xeración nova pero con longa traxectoria, que dá como resultado unha nova ollada audaz e orixinal, con achegas moi diversas”. A iniciativa, que permanecerá na Praza Bispo Cesáreo ata o 14 de marzo, conta co apoio da Fundación “la Caixa” no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22.

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño exhíbese en seis grandes contedores de barco, dos que un serve como punto de información e os cinco restantes como salas de exhibición. Neles pode contemplarse o traballo fotográfico e audiovisual como secuencias de imaxes, curtametraxes ou formatos híbridos de fotografía e vídeo. Segundo indicou o secretario xeral de Cultura, “o percorrido entre contedores e contidos quere reflectir a propia viaxe dos artistas para a realización dos proxectos, así como o transitar do Camiño”.

Participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.

Actividades con Iván Nespereira e Luis Díaz Díaz

No marco da apertura da mostra, o Arquivo Histórico Provincial acollerá dúas actividades complementarias. Trátase dun obradoiro impartido por Iván Nespereira e Luis Díaz Díaz esta tarde e mañá pola mañá, para o que xa están cubertas as prazas, e dunha conferencia aberta ao público hoxe ás 20,00 horas, na que ambos artistas presentarán os seus traballos.

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño arrincou na Coruña o pasado setembro e estivo en Lugo ata esta mesma semana. Tras o seu paso por Ourense, continuará o seu percorrido por Vigo e Santiago, onde rematará en xullo deste ano.

Comparte