Nova: Presentación no CGAC de Mi querida Babel
07/02/2015
Presentación no CGAC de Mi querida Babel
Este libro-obxecto é unha obra de Juan Pablo Silvestre, na que colaboran Ana Juan e Óscar Mariné, premios nacionais de ilustración e deseño, respectivamente
Esta edición de arte será presentada pola xerente do CGAC, Pepa Fuentes, o músico Julián Hernández e o propio autor, e contará coa actuación especial do grupo vocal Faltriqueira
Santiago, 7 de febreiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acollerá este domingo ás 18.00 horas no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea a presentación do libro-obxecto ‘Mi querida Babel’ do artista, cantante e compositor Juan Pablo Silvestre. As ilustracións de Ana Juan, Premio Nacional de Ilustración de 2010, poñen rostro de muller aos nomes de Babel e o Premio Nacional de Deseño do mesmo ano, Oscar Mariné, encárgase do concepto gráfico deste artefacto despregable para ver, tocar, e escoitar, editado e producido por ‘La mano cornutta’. Esta edición de arte será presentada pola xerente do CGAC, Pepa Fuentes, o músico Julián Hernández, e o propio autor, e contará coa actuación especial do grupo vocal feminino Faltriqueira.
Este libro artístico créase a partir da canción ‘Mi querida Babel’ de Juan Pablo Silvestre. Un himno que creou coa colaboración de Eliseo Parra e que rematou por converterse na sintonía do programa ‘Mundo Babel’ de Radio 3 de RNE que el mesmo dirixe. A obra contén un CD con algunhas das 80 versións que autores de diferentes xéneros e estilos musicais como Bebo Valdés, Paco Ortega ou o grupo ‘On/Off’ fixeron desta peza. O seu contido é un canto aos nomes de muller a través de todas as culturas do mundo e unha homenaxe á diversidade e á riqueza da beleza feminina.
‘Mi querida Babel’ ofrécesenos como unha obra que busca dar resposta aos retos da lectura e ao futuro do libro na era dixital reivindicando o gusto polo papel e a lectura non lineal. Os nomes forman o texto dunha canción de busca espiritual baseado na repetición e na estrutura circular, un mantra enunciado desde una perspectiva laica e contemporánea. A obra está acompañada dun breviario que explica o significado cultural e etimolóxico de todos os nomes que se citan.