Nova: O Gaiás recibe 2022 cun espectáculo de circo de Nadal e premiando a creatividade da cativada co seu concurso de postais

03/01/2022

O Gaiás recibe 2022 cun espectáculo de circo de Nadal e premiando a creatividade da cativada co seu concurso de postais

A función de La Fiesta Escénica, que esgotou entradas en apenas unhas horas, está concibida para unir a maxia do circo e do Nadal cunha coidada escenografía

A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, fixo entrega dos premios ás postais máis orixinais remitidas por nenos e nenas de ata 9 anos

Ata o 6 de xaneiro aínda pode visitarse a instalación ‘O marabilloso Camiño de Inverno’, da deseñadora e escenógrafa galega Ana Inés Jabares-Pita, que transforma o Hall de Tirantes nun paraíso de globos de neve, luz e paisaxes da Ruta Xacobea

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2022.- A Cidade da Cultura acolle hoxe o último dos espectáculos incluídos na programación do Nadal no Gaiás, impulsado pola Xunta de Galicia, unha proposta de La Fiesta Escénica especialmente deseñada e construída para levar ao escenario a maxia dos circos e do Nadal. As familias asistentes poderán abraiarse con animais animatrónicos, creados coa aparencia e o movemento de animais de verdade, ademais de especialidades circenses como aéreos, equilibrios, acrobacias ou malabares.
A compañía La Fiesta Escénica, creada na Arxentina pero asentada en Galicia, en Baiona, dende o 2001, conta con artistas locais e internacionais e a súa aposta pola creación de animais robóticos de gran realismo recibiu recoñecemento internacional. A proposta contou cunha excepcional acollida de público, esgotando as entradas dispoñibles ás poucas horas de pórse á venda, a un prezo de 5€.
Antes do espectáculo, a directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, fixo entrega dos premios aos nenos e nenas gañadoras do tradicional concurso de postais de Nadal organizado polo Gaiás para premiar a creatividade e orixinalidade da cativada de ata nove anos de idade. Os pequenos participantes debuxaron a súa particular cidade ou paisaxe de Nadal a partir dun bosquexo descargable en liña.
Os autores das seis máis orixinais recibiron cadanseu agasallo, consistente nun convite familiar ao espectáculo do Circo do Nadal no Gaiás ademais dun lote de contos, libro-discos e xogos educativos en galego, facilitados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Marabilloso Camiño de Inverno

Ata o vindeiro 6 de xaneiro, as persoas visitantes da Cidade da Cultura aínda poderán percorrer a instalación O marabilloso Camiño de Inverno no Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás. Con entrada de balde, a creación da escenógrafa galega Ana Inés Jabares-Pita transpórtanos á Ruta Xacobea atravesando un bosque de luz poboado por globos de neve xigantes e pequenos que atesouran no seu interior paisaxes, monumentos e cidades emblemáticas do Camiño. O marabilloso Camiño de Inverno propón un percorrido máxico que xoga coa luz e coas escalas, do xigante ao diminuto, e convida tamén a resolver o enigma de identificar as diferentes etapas do Camiño de Santiago.
Ana Inés Jabares-Pita conta cunha recoñecida traxectoria como escenógrafa e deseñadora para espectáculos de ópera, danza e teatro. Traballa principalmente no Reino Unido, onde colabora con algunhas das compañías de máis prestixio do país, como A English National Opera, o Royal Court Theatre ou a Royal Shakespeare Company, entre outras. O seu talento valeulle no ano 2013 o Premio Linbury, o galardón máis importante no ámbito da escenografía no Reino Unido.
As propostas de lecer do Nadal no Gaiás completáronse co tradicional alumeado exterior da Cidade da Cultura, teatro, obradoiros e espectáculos de maxia dirixidos á cativada. A programación arrancaba o pasado 17 de decembro cun concerto da cantaora Marina Heredia e a Sinfónica de Galicia, no que interpretaron unha selección de cancións antigas españolas.

Comparte