Nova: Os Bolechas participan un ano máis na programación de Nadal da Xunta de Galicia

13/12/2021

Os Bolechas participan un ano máis na programación de Nadal da Xunta de Galicia

Os monecos percorrerán os concellos de Santa Comba, Vimianzo, Abadín, Verín, Viana do Bolo, Negreira, Trazo e As Pontes de García Rodríguez

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021.– O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da xa tradicional xira que a Xunta de Galicia, Bolanda Edicións, Gadis e TVG preparan cada ano e que levará este Nadal á familia Bolechas polos concellos de Santa Comba, Vimianzo, Abadín, Verín, Viana do Bolo, Negreira, Trazo e As Pontes de García Rodríguez.
Na presentación da xira, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade mostrou a súa satisfacción polo feito de que, un ano máis, “os Bolechas celebren connosco o Nadal, levándolles aventuras e ilusión en lingua galega a nenos e nenas das catro provincias”.

Canda o representante autonómico tamén participaron neste acto no Pazo de San Roque, Jaime Arias, director de Proxección Social da TVG; Román Roo, delegado de Gadis en Santiago, e Antonio Couto, responsable de Bolanda Edicións. A presentación contou, ademais, coa presenza dos actores e dos propios Bolechas.

Os Bolechas e o crebanoces de Nadal

Este Nadal, os Bolechas están a preparar unha carta a Papá Noel, pero a cousa complícase e deciden seguir o labor comendo noces, que así pensan mellor. Mais as noces teñen a casca moi dura e escachan os dentes. Entón, os irmáns collen un crebanoces na cociña, pero trillan os dedos. De súpeto, alguén chama á porta e aparece un enorme crebanoces de Nadal chegado directamente de Alemaña para axudalos, mais ao pouco de empezar, o convidado fica inmóbil. Tras unha chamada ao 112, os Bolechas descobren que o crebanoces non é humano, senón un boneco de corda e, ademais, non teñen a chave para volver activalo. Poderán os Bolechas recuperar o seu crebanoces de Nadal?

Para descubrir como acaba o misterio que se lle presenta á familia Bolechas este Nadal, os interesados poderán visitar algunha das paradas da xira deste espectáculo de monicreques manipulados. A primeira parada será o vindeiro sábado 18 no concello de Santa Comba (no auditorio do Edificio Multiúsos, ás 18,00 horas). O tour seguirá o domingo 19 en Vimianzo (Auditorio Municipal, ás 18,30 horas), o xoves 23 en Abadín (ás 16,30 horas no salón de actos da Casa do Concello), o domingo 26 en Verín (no Auditorio Municipal, ás 18,00 horas), o mércores 29 en Viana do Bolo (na Casa da Cultura, ás 18,00 horas), o xoves 30 en Negreira (ás 18,00 horas no Auditorio Centro Sociocultural), o domingo 2 de xaneiro en Trazo (no Centro Social Polivalente, ás 17,00 horas) e o martes 4 nas Pontes de García Rodríguez (no Auditorio Municipal Cine Alovi, ás 18,00 horas).

En todas as localidades, as entradas son de balde ata encher a cabida. Toda a información e calendario están dispoñibles no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.
 

Comparte