Nova: A Xunta e a Real Academia de Belas Artes impulsan unha programación do ano Laxeiro con actividades en Madrid, Galicia e París en 2022

13/12/2021

A Xunta e a Real Academia de Belas Artes impulsan unha programación do ano Laxeiro con actividades en Madrid, Galicia e París en 2022

O Goberno autonómico, en colaboración con diferentes institucións e entidades, homenaxeará ao pintor lalinense para reforzar e internacionalizar o seu legado

O artista Antón Lamazares deseñará a imaxe da efeméride, cuxo acto central será o 1 de abril no Día das Artes Galegas

En colaboración coa Real Academia de Belas Artes de San Fernando e a Embaixada de España en Francia, programarase entre abril e decembro unha gran exposición itinerante sobre a súa obra de madurez durante a súa estadía na Arxentina

Achegarase a figura do pintor aos máis novos con material didáctico e divulgativo a disposición dos centros educativos e celebrarse un simposio que reunirá a numerosos referentes das artes plásticas e investigación académica

A elaboración dunha peza musical, a estrea dun documental e a posta en marcha dunha web completan a programación
 

Lalín (Pontevedra), 13 de novembro de 2021.- Galicia conmemorará en 2022 o Ano Laxeiro cunha extensa programación que afondará no percorrido vital e profesional do artista a través de propostas expositivas, académicas, audiovisuais e didácticas en distintos puntos de Galicia, así como en Madrid e París, e que terán como acto central o 1 de abril o Día das Artes Galegas na súa honra e unha gran exposición itinerante sobre a súa obra de madurez.

Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no acto de presentación da programación especial, xunto ao alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo. Trátase de propostas que, como indicou, farán posible “acceder á obra do xenio de Lalín desde múltiples linguaxes e plataformas de comunicación para indagar naqueles aspectos da súa obra que son menos frecuentes e nos permitirá inaugurar novas investigacións sobre a súa produción”.

Estas actividades celebraranse coa implicación de diferentes entidades e institucións culturais de distintos territorios, como a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Concello de Lalín, a Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid ou a Embaixada de España en Francia.

O titular de Cultura da Xunta salientou a oportunidade de poñer en marcha unha programación como esta para internacionalizar o legado dun “lalinense universal” ao que considerou “un dos grandes renovadores da creación galega que conseguiu crear un elo propio sinónimo de calidade e galeguidade”. Fixo referencia á súa “clara vocación rupturista” que lle permitiu xerar novos modelos de expresión ao tempo que tivo unha “influencia decisiva da cultura popular galega que se converteu na súa principal materia prima”, indicou. Román Rodríguez subliñou, ademais, a súa capacidade para “interpretar a natureza propia do rural galego e pasala polo filtro das novas linguaxes artísticas”.

De Lalín a París

No 2022, co gallo da homenaxe da Real Academia Galega de Belas Artes no día das Artes Galegas na súa honra, artéllase unha programación cultural especial do Ano Laxeiro que incluirá, como unha das grandes apostas, a exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970) comisariada por Carlos Bernárdez. Poderá verse en Lalín, Santiago de Compostela, Madrid e París entre os meses de abril e decembro coa colaboración da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e a Embaixada de España en Francia. Baixo o título dunha destacada obra de Laxeiro dos anos 70, a exposición -que se completará cun libro-catálogo- presentará unha nova ollada sobre a súa obra de madurez durante a súa longa estadía arxentina.

A esta mostra súmanse diferentes actividades como a celebración dun gran simposio en Santiago de Compostela no mes de xuño. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reunirá a referentes das artes plásticas e da investigación académica que abordarán a figura de Laxeiro e o seu contexto cultural e social. O Ano Laxeiro buscará promover o legado do artista entre os máis novos. Por iso, producirase material divulgativo e didáctico que estará dispoñible para os centros educativos galegos.

Tamén haberá propostas no eido audiovisual, coa estrea do documental O meu veciño Laxeiro, que repasará o seu percorrido vital e artístico por Lalín, Vigo e o seu vínculo con Arxentina. Producirase unha peza musical específica, A fantasía musical Pintor Laxeiro a cargo do compositor José Luís Represas, que elaborará unha melodía popular que se vincule con Laxeiro e o Concello de Lalín.

O Ano Laxeiro contará coa creación dun espazo dixital para acceder aos traballos de Laxeiro e á programación específica a través da páxina de Cultura da Xunta de Galicia. Toda esta programación contará cunha imaxe específica da efeméride que será elaborada polo artista lalinense Antón Lamazares na honra de Laxeiro.

Artista lalinense

Con todas estas propostas a Xunta e o resto de entidades promoverán o legado do artista nacido en Lalín no ano 1908. Desde os seus inicios, Laxeiro estivo influenciado polo mundo rural, onde naceu e pasou a súa infancia. Os seus traballos encádranse no grupo dos Renovadores, aínda que o relato de vida e as súas influencias fixeron que gozase dun estilo único. Despois de residir en diferentes cidades españolas, nos anos 50 recalou en Bos Aires onde fixou a súa residencia ata 1970. Á súa volta a Galicia sucedéronse as homenaxes e recoñecementos ata o seu falecemento en 1996.

 

Comparte